Escoitar

O programa municipal de infancia e familia realizou máis de 900 intervencións en abril

Abel Caballero informou este luns de que o Concello de Vigo atende a 179 familias con menores vulnerables e a través do Programa de Infancia e Familia realizou máis de 900 intervencións no mes de abril.

luns, 4 mai 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este luns que o Concello de Vigo ten en marcha o Programa de Infancia e Familia para atender a 179 familias con menores en situacións vulnerables. Dentro da iniciativa,  realizáronse 923 intervencións, 23 entrevistas telefónicas, 22 solicitudes de axuda económica e un total de 406 xestións de apoio.

Caballero engadiu que o Concello adica 710.000 euros ao programa e dispón recursos humanos destinados á atención da infancia, adolescencia e familias. Así, traballan dúas traballadoras sociais, dúas psicólogas, dez educadores familiares, dúas educadoras de rúa, cinco educadores sociais para actividades de reforzo educativo, ocio e tempo libre, unha mediadora intercultural, unha auxiliar administrativa e unha coordinadora.

No relativo ás axudas de emerxencia, o número total xa é de 5.030 e o importe ascende a 572.000 euros, no que se inclúen as máis de 2.000 becas de comedor por valor de 130.000 euros.

Persoas sen fogar

No tocante á acollida de persoas sen fogar, o alcalde indicou que a noite do domingo ao luns houbo un total de 151 prazas ocupadas. Así, apuntou que o albergue municipal de Marqués de Valterra da refuxio a 29 persoas; a Fundación Santa Cruz, a 38; en pensións hai outros 20 e o pavillón do Berbés acolleu a noite pasada a 52 persoas.

Por último, este luns repartiranse 621 menús e en total desde o inicio da crise suman 22.331.

Ordenadores

Respecto á campaña para entregar ordenadores aos escolares (6-12 anos) sen recursos, sinalou que o Concello xa recibiu 604 solicitudes de equipos, 41 para estudantes de secundaria. “Contamos con 210 equipos doados por parte de empresas e particulares, tanto equipos usados como novos e nestes momentos o Concello está recollendo ordenadores en domicilios e empresas”, apuntou.

Máscaras

Ademais, Caballero informou de que a mañá deste luns iniciouse o operativo de distribución de máscaras na cidade por parte de Protección Civil, Policía Local e Policía Nacional. Os protectores entréganse a traballadores e persoas que utilicen o transporte público. O Goberno xa entregou 120.000 máscaras para a provincia de Pontevedra e 30.000 para Vigo.

O reparto faise luns e martes en dúas quendas, mañá e tarde. Pola mañá (7 -10 horas) nos estaleiros e zonas industriais de Beiramar, Avenida Marina Española, Chapela-Pescanova, Millarada-Vilar de Infesta, PTL de Valadares e Caramuxo. Tamén nas paradas de transporte público en Praza de América, Urzaiz-Farola, García Barbón-Estación Guixar, Choróns-Estación Urzaiz.

Na queda de tarde (14.30-16h) será nos estaleiros de Beiramar e Avenida Marina Española, mentres que ás 4 da mañá na lonxa do Porto de Vigo.