O alcalde planifica co sector da cultura viguesa unhas novas festas locais durante o verán
Abel Caballero mantivo este xoves unha xuntanza co sector cultural da cidade para planificar a recuperación económica e estudar as posibilidades para organizar unhas festas “diferentes” durante o vindeiro verán.
“Non imos ter grandes concertos, nin aglomeracións de 100.000 ou 45.000 persoas, non o imaxinamos nin remotamente”. Así despexou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, calquera posibilidade de que o Auditorio de Castrelos acolla este verán algún dos grandes eventos que estaba planeado dentro do programa Vigo en Festas 2020.
O rexedor mantivo unha xuntanza con representantes do sector cultural da cidade para falar da recuperación económica e planificar as opcións de organizar desde o Concello de Vigo unhas festas “diferentes” e “locais” durante o verán.
A súa aposta pasa por actuacións máis pequenas de grupos locais, corais e bandas de música. “Non vai haber un gran concerto de Sting pero seguramente poderemos facer pequenos concertos con limitación de público en diferentes zonas da cidade”, afirmou este xoves.
Esas actuacións serían, en principio, co público sentado e coas cadeiras colocadas á pertinente distancia. Igualmente, Caballero expuxo outras manifestacións artísticas como teatro na rúa, onde tamén quere sacar os libros. O alcalde propuxo que as editoriais vendan as súas publicacións en espazos abertos, ao estilo da Feira do Libro.