A Corporación Municipal de Vigo aproba por unanimidade priorizar as axudas sociais e fomentar a actividade económica
O Pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores na súa sesión ordinaria de abril unha resolución da Alcaldía na que se propón manter as axudas sociais e fomentar o emprego e todas as actividades económicas da cidade. Todos os grupos municipais e concelleiros votaron a favor.
O Pleno da Corporación de Vigo aprobou por unanimidade a resolución da Alcaldía para afrontar nos vindeiros meses a recuperación económica e social da cidade tras a crise xerada pola pandemia e a alerta sanitaria do Covid-19. Os grupos municipais do PSOE, PP e Mixto, así como o concelleiro non adscrito, votaron a favor das medidas contidas no documento exposto polo alcalde.
“Esta Alcaldía pretende ofrecer, por unha banda, unha rede de seguridade ao conxunto da cidadanía, en especial aos colectivos máis vulnerables, e por outra, o apoio municipal ao tecido produtivo, contribuíndo de un modo activo ao mantemento da actividade económica e do emprego favorecendo o reinicio da súa actividade e a reactivación do consumo responsable”, apunta o documento firmado por Abel Caballero.
Entre as medidas recollidas nos oito puntos da resolución figura como prioridade dar continuidade as liñas de apoio social e atención destinadas aos colectivos desfavorecidos, e persoas en situación de vulnerabilidade social da cidade.
Ademais, o Concello compromete a súa contribución, dun modo activo, ao “fomento do emprego, a través das liñas municipais dos plans de emprego e da colaboración co sector empresarial”. No mesmo senso, favorecer “o estímulo e fomento da actividade económica e dar apoio aos sectores de economía” da cidade: naval, automación, construción, pesca, comercio, hostalería, cultura, deportes, entidades sociais e veciñais, ONGs, colexios profesionais.
Os grupos consideran vital tamén “utilizar a contratación pública cunha visión estratéxica, como panca de activación da economía e dinamización do mercado, fomentando a participación das pequenas e medianas empresas”.
Por último, desde o Concello apóstase por “liderar o proceso de reconstrución social e económica”, dende o consenso e traballando da man cos axentes económicos e sociais da cidade, sumando a colaboración coa Deputación de Pontevedra, Zona Franca de Vigo, Universidade de Vigo e sindicatos.