Escoitar

O Pleno solicita medidas de apoio ao sector cultural vigués na crise do coronavirus

Sen votos en contra, os concelleiros validaron este mércores a moción que insta a Goberno de Vigo, Xunta de Galicia e Goberno de España a promover accións concretas que eviten "a destrución" do sector da cultura na cidade, unha vez estea superada a crise sanitaria.

mércores, 29 abr 2020

A Corporación municipal de Vigo deu luz verde á moción defendida este mércores por Xabier Pérez Igrexas sobre medidas extraordinarias de apoio e impulso ao tecido cultural de Vigo, no marco da crise do Covid-19, con accións concretas por parte das administracións local, autonómica e estatal.

Segundo reza o texto aprobado coa abstención dos socialistas, os acordos propoñen ao goberno de Vigo á creación dunha Mesa Cultural da Cidade que traballe de forma telemática en tanto non se conforme un Consello Municipal de Cultura. O obxectivo é "habilitar un espazo de diálogo e participación dos colectivos culturais e mais a industria cultural da cidade de cara ao redeseño da política cultural do Concello".

Ademais, e tamén concernente ao Concello de Vigo, se insta a deseñar e executar un Programa extraordinario de apoio á actividade cultural para reducir o impacto da crise do coronavirus. O documento detalla sete propostas a considerar, como adiar os eventos xa contratados para evitar a súa cancelación, primar ao tecido cultural vigués e a lingua galega nas futuras contratacións, habilitar plataformas dixitais con programación municipal e remunerada, dispoñer unha "sala expositiva virtual" para os creadores locais, adecuar os servizos bibliotecarios á actual situación, crear unha plataforma para a comercialización en liña e, por último, abrir unha liña de axudas municipais á industria cultural viguesa.

O acordo propón asemade que a Xunta de Galicia impulse "políticas específicas para a reactivación e apoio dos sectores culturais galegos". Ao efecto poderían incluírse liñas de axudas directas e créditos, reprogramar e non cancelar os eventos xa contratados, redefinir o Xacobeo 2021, crear un "bono cultural para estimular o consumo" e elaborar unha programación cultural "máis ambiciosa" na CRTVG.

Por último, a moción insta ao Goberno de España a reducir o IVE cultural do 10 ao 4% e dos cachés do 21 ao 10%.

Moción PP
A Corporación Municipal tamén aprobou este mércores a moción do grupo municipal do Partido Popular na que se insta ao goberno da cidade a implantar un programa de axudas ao pequeno comercio e á hostalería da cidade amais de realizar unha revisión completa do orzamento coas modificacións precisas para aplicar os gastos ás novas necesidades sociais e económicas derivadas da crise do Covid-19. Os socialistas, o grupo mixto e o concelleiro non adscrito abstivéronse na votación.

O voceiro dos populares, Alfonso Marnotes, explicou que o texto non inclúe propostas concretas para favorecer o consenso pero apostou por unha axuda económica directa para a reapertura dos establecementos explicando que vai ser precisa a axuda doutras administracións e que haberá que facer un esforzo no ámbito económico amais do social. Pediu tamén concreción e rapidez nas medidas adoptadas.

Rubén Pérez, voceiro do grupo mixto, avogou pola necesidade de "inxección de liquidez inmediata" con subvenciones finalistas e cuestionou a eliminación de impostos durante o estado de alarma, dado que pode desbotar a progresividade fiscal.

Xabier Pérez Igrexas, edil non adscrito, coincidiu no fondo da moción cos populares e pediu reflexionar sobre o modelo comercial da cidade que "hai que repensalo" ante a situación que está a vivir o pequeno comercio vigués.

Carlos López Font, voceiro do grupo socialista, explicou que a resolución da Alcaldía aprobada na sesión plenaria recolle tódalas propostas dos grupos municipais e avanzou que xa se está modificando o orzamento para responder á situación actual ao duplicárense, por exemplo, as bolsas de comedor e as axudas de emerxencia ás familias da cidade que o precisan.

Moción En Marea
Así mesmo, o Pleno deu luz verde esta mañá a unha moción do grupo de En Marea que insta a o Goberno local a implementar un plan de reconstrución económica da cidade que tome como referencia o superávit de 2019, os remanentes de tesourería e e as modificacións precisas o actual orzamento municipal. O edil Rubén Pérez Correa instou así mesmo á avaliación dunha modificación inmediata de 5 millóns de euros procedentes de partidas de difícil execución para un programa de axudas ao comercio local, á hostalería, a pequenas empresas e autónomos da cidade.

O texto, que contou cos votos favorables do PP e do concelleiro non adscrito e a abstención do PSOE, solicita a declaración inmediata da suspensión notificada da recadación executiva e dos servizos municipais para que, con esta fórmula, eviten a xeración de ERTES nestes servizos. Entre outras cuestións que aborda a moción, tamén figura a esixencia de que todas as empresas concesionarias garantan material de protección aos traballadores.

O edil non adscrito, Xabier Pérez, e o voceiro popular Alfonso Marnotes, respectivamente, amosaron a súa conformidade co texto e votaron a favor do mesmo, mentres que o voceiro socialista, Carlos López Font defendeu a abstención do seu grupo explicando que o Goberno local agradece recolle todas as propostas presentadas xa que na súa meirande parte están incluídas de forma xenérica na resolución que se aprobou nesta mesma sesión plenaria. Avanzou que o Goberno local comparecerá de novo en Pleno para dar conta da evolución das decisións que se vaian tomando na cidade.