O Concello repartirá froita nos menús dos comedores sociais coa campaña “Vigo saudable”
Abel Caballero informou este martes de que o Concello de Vigo iniciará mañá o reparto de froita cos menús que elaboran os comedores sociais. A campaña “Vigo, saudable” é posible grazas a doazón por parte da empresa Chef Maestro e a colaboración do colectivo de restaurantes Vigo Gastronómico.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este martes que cada mércores do mes de maio o Concello e o colectivo Vigo Gastronómico repartirán un froita, en total 2.500 pezas doadas pola empresa Chef Maestro.
A iniciativa realizarase a través dos comedores sociais do Hogar San José-Casa da Caridade, Misioneiras, Albergue Municipal, Pavillón do Berbés e catering. Así, durante todo o mes de maio doarán 2.500 pezas de froita, 625 unidades cada mércores, para incluir cos menús que se reparten en máis de 620 domicilios.
A Asociación Vigo Gastronómico naceu debido a esta crise sanitaria e engloba a 18 restaurantes que queren abordar xuntos a recuperación do sector con diferentes actividades, tamén solidarias. Os restaurantes asociados son Lume de Carozo, The Othilio bar, Melitön bocadillerías, Mijo minibar, Niño Corvo, María Manuela, La Contenta, Kero, Pintxoteca mar e Pintxoteca, La sidrería, Purosushi, O Croque, Carpintería Gastrobar, Taller de la carpintería, La Central, Trastienda del 4 e Nero.
Axudas de emerxencia e persoas sen fogar
No relativo ás axudas de emerxencia, o número total xa é de 5.060 e o importe ascende a 581.000 euros, no que se inclúen as máis de 2.000 becas de comedor por valor de 130.000 euros.
No tocante á acollida de persoas sen fogar, o alcalde indicou que decidiuse trasladar a seis persoas desde o albergue municipal ao piso básico compartido. Así, apuntou que o albergue de Marqués de Valterra da refuxio a 25 persoas; a Fundación Santa Cruz, a 38; en pensións hai outros 34 e o pavillón do Berbés acolleu a noite pasada a 47 persoas.
Por último, este martes repartiranse 617 menús e en total desde o inicio da crise suman 22.948.