Escoitar

O goberno local coopera no reparto doutras 11.000 máscaras procedentes do Goberno Central

Protección Civil, Policía Local e Policía Nacional proseguiron hoxe co reparto de 30.000 máscaras na cidade, distribuídas hoxe e onte entre traballadores que utilizan o transporte público. Este material de protección procede do Goberno Central, que vén de entregar 120.000 unidades en Pontevedra.

martes, 5 mai 2020

O rexedor deu conta esta mañá do reparto doutras 11.000 máscaras de protección, dentro do operativo de distribución que están a levar a cabo Protección Civil, Policía Local e Policía Nacional. O Goberno Central entregou entre hoxe e onte 120.000 máscaras para a provincia de Pontevedra, 30.000 delas en Vigo.

Os protectores estanse a entregar a traballadores e persoas que utilizan o transporte público, cun máximo de cinco unidades, dependendo das necesidades de cada cidadán. O reparto faise en dúas quendas. Pola mañá (7 -10 horas) nos estaleiros e zonas industriais de Beiramar, Avenida Marina Española, Chapela-Pescanova, Millarada-Vilar de Infesta, PTL de Valadares e Caramuxo. Tamén nas paradas de transporte público en Praza de América, Urzaiz-Farola, García Barbón-Estación Guixar, Choróns-Estación Urzaiz. Na queda de tarde (14.30-16h), o reparto está a ser nos estaleiros de Beiramar e Avenida Marina Española, mentres que ás 4 da mañá estase a desenvolver na lonxa do Porto de Vigo.

Denuncias
Caballero avanzou que no día de onte a Policía Local sancionou a 28 persoas dentro dos controis que está a realizar durante o estado de alarma. Entre as persoas denunciadas atópanse, por exemplo, un cidadán camiñando pola vía pública cun café e fóra da súa franxa horaria, dúas persoas facendo deporte dentro dunha zona precintada ou un grupo de mozos reunidos sen facer deporte nin respectar a súa franxa horaria. Con todo, Caballero eloxiou unha vez máis o comportamento do conxunto da cidade, que segue a actuar con "responsabilidade" porque, lembrou, "o virus segue aquí e a pandemia tamén polo que hai que manter a protección sen baixar a garda nin as precaucións".