O alcalde solicita unha reunión urxente do Consorcio do Casco Vello para tratar o futuro do CGAC en Vigo

O rexedor subliñou esta mañá o interese do Concello en que Vigo conte cunha sede do CGAC con 400 m2 para exposicións e 500.000 euros para mantemento que terían que ser achegados pola Xunta de Galicia. Con esta proposta, reclamou unha reunión inmediata do Consorcio do Casco Vello para tratar esta cuestión, así como do futuro dos locais que o organismo ten baleiros.

venres, 28 feb 2020

Abel Caballero reiterou esta mañá o seu apoio a que a Xunta implante na cidade unha sede do CGAC para o que solicitou unha reunión urxente do Consorcio do Casco Vello. Amosou a súa disposición a ceder un edificio á Xunta para que esta realice as obras de adaptación precisas, asumindo os correspondentes custos. Neste punto, lembrou que o local debería ter a lo menos 400 m2 para poder albergar exposicións ao tempo que reclamou 500.000 euros nos orzamentos da Xunta para o funcionamento, a programación e o mantemento da sede.

Así mesmo, o rexedor tamén amosou o seu interese na compra ou aluguer dos quince locais que a Xunta quería que o Consorcio lle cedera de xeito gratuíto durante quince anos e avogou por retomar accións como as subvencións de alugueiros para fomentar a actividade do Casco Vello. Caballero criticou a “insólita” proposta que se debateu na última reunión do Consorcio que prantexaba que o Consorcio lle cedera de balde á Xunta eses locais porque se descapitalizaría o Consorcio, unha institución que ten que velar pola súa propia capacidade financeira para proseguir co seu cometido que é seguir rehabilitando inmobles.

Caballero exemplificou outra forma de actuar lembrando que na reunión do Consorcio Casco Vello de onte, tamén se aprobou a venda dun edificio á Zona Franca por 800.000 euros para cedelo, posteriormente a Down Vigo. “Quixemos facelo así porque non se pode descapitalizar este organismo”, dixo.