O Concello demanda a Feijóo que garanta unha asistencia sanitaria axeitada no centro de saúde de Bouzas

A petición socialista, que conseguiu o apoio do grupo mixto e do concelleiro non adscrito, demanda que o goberno autonómico recupere o proxecto comprometido no ano 2008. Tamén saíu adiante a solicitude á Xunta para que deixe de remitir ao Concello as liquidacións do cofinanciamento das escolas infantís e centros de día do Consorcio Galego de Benestar.

luns, 23 dec 2019
A sesión plenaria deste luns deu aprobación á moción do grupo municipal socialista que insta ao presidente da Xunta de Galicia a garantir unha asistencia sanitaria axeitada á veciñanza de Bouzas no centro de saúde, recuperando o proxecto comprometido en 2008. O edil López Font expuxo que o goberno autonómico reduciu á metade o espazo do centro, pasando de 1.400 metros cadrados a 700, coa consecuente redución de consultas e persoal sanitario, polo que se pide aos SERGAS que presente nun prazo máximo dun mes un proxecto reformado que responda a esta proposta. Deste xeito, sinalou, permitiríase o dobre de consultas de medicina xeral, unha consulta de pediatría e outra de traballo social. O grupo mixto e o concelleiro non adscrito apoiaron a moción socialista que rexeitou o PP.

Negativa ao cofinanciamento das escolas infantís e centros de día
O Pleno municipal tamén aprobou a moción socialista que insta á Xunta de Galicia a deixar de remitir ao Concello as liquidacións referidas ao réxime de cofinanciamento para as escolas infantís e centros de día xestionados a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar porque supón un ataque á autonomía local. O texto apoiado polo grupo mixto e o concelleiro non adscrito foi rexeitado polo grupo popular.