Escoitar

O Concello reclama á Xunta partidas de 5 millóns para ampliar o IFEVI e cubrir 15 patios de colexios

O grupo de goberno presentou ambas mocións, instando á Xunta de Galicia a incorporar sendas partidas orzamentarias de 5 millóns nas contas autonómicas de 2020, para cubrir 15 patios de colexios de Vigo por un lado e para ampliar o recinto feiral por outro, atendendo á demanda de Conxemar.

mércores, 30 out 2019
O primeiro acordo adoptado insta ao goberno autonómico "a introducir nos presupostos do ano 2020 unha partida de 5 millóns de euros para a cubrición de quince patios escolares na cidade de Vigo, asumindo integramente o seu financiamento, para cubrir a forte demanda actual que soamente se está a atender desde o Concello de Vigo".

Na exposición de motivos do texto se indica que "son numerosos os centros que se dirixen ao Concello solicitando a cubrición dos patios escolares", polo que se reclama un "compromiso" da administración autonómica que se traduza nunha partida de cinco millóns de euros no orzamento da Xunta para o próximo ano. A moción resultou aprobada cos votos favorables dos grupos socialista, mixto e o edil non adscrito, coa abstención do Partido Popular

A mesma cantidade solicita o Pleno ao presidente da Xunta de Galicia, para "cumprir o seu compromiso coa ampliación do IFEVI, consignando nos orzamentos da Xunta para o ano 2020 a cantidade de 5 millóns de euros na partida concreta na que neste momento só figuran 100.000 euros".

Neste caso, a moción presentada e aprobada explica que o pasado 10 deste mes o Padroado do IFEVI acordou a ampliación do recinto feiral a instancias do comité executivo de Conxemar, acordo adoptado pola unanimidade das administracións e entidades alí representadas. A moción foi aprobada co apoio dos grupos socialista, mixto e o edil non adscrito, coa abstención do Partido Popular.

Humanizacións
A Corporación tamén deu o visto bo na súa sesión deste mércores á moción presentada polo grupo socialista reclamando melloras nas beirarrúas de titularidade autonómica na cidade. Así, o acordo validado insta á Xunta á "realización dun plan de humanizacións das beirarrúas das estradas de titularidade autonómica no Concello de Vigo por un importe mínimo de 6 millóns de euros, a incluír nos orzamentos do ano 2020". A moción foi aprobada co apoio dos grupos socialista, mixto e o edil non adscrito, coa abstención do Partido Popular.