Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aprobará o próximo martes un orzamento de 7.778.605 euros

O goberno local aprobará o orzamento da Xerencia de Urbanismo o próximo martes 22 de outubro cun montante de 7.778.605 euros. A prioridade deste documento será continuar coa tramitación do Plan Xeral, ademais de seguir con outros ámbitos como Barrio do Cura, Cruceiro, Recaré ou a Panificadora.

venres, 18 out 2019
O martes 22 de outubro o goberno local someterá a votación na Xerencia de Urbanismo un orzamento para 2020 de 7.778.605,31 euros, lixeiramente superior aos 7.729.080 euros de 2019. As contas do organismo autónomo prestarán especial atención á tramitación da revisión do PXOM, así como á continuidade doutros ámbitos xa en marcha como Barrio do Cura, Cruceiro, Recaré ou á redacción do proxecto e expropiación da Panificadora.

Outras prioridades da Xerencia para 2020 serán obter solo e executar os traballos para dar continuidade á Senda do Lagares -desde a Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez-; mellorar o actual Corredor do Lagares; ordenar o espazo para a implantación da Biblioteca do Estado; manter ás axudas para rehabilitación de vivendas en Casco Vello, Bouzas, rúas Bueu e Marín (Coia), Santa Clara (Barreiro), ao tempo que se amplían as zonas de rehabilitación integral en Coia, Teis, Beiramar, A Salgueira e no contorno de San Roque. O goberno local prevé proseguir tamén coa colaboración coa accesibilidade nos edificios; coas execucións subsidiarias; co Rexistro de Soares; coas actuacións derivadas do programa Baleiros urbáns no Casco Vello; coa rehabilitación da fachada da Concatedral así como implementar unha colaboración con veciños ou propietarios de edificios históricos que iluminen fachadas de construcións singulares de Vigo.