Escoitar

"Vigo en Vivo" celebra a gala final este sábado na Praza da Constitución

O concurso, convocado polo Concello co fin de fomentar a creación musical, dará a coñecer aos seis finalistas hoxe xoves e pecha cunha gala o vindeiro sábado ás 20:00 horas.

xoves, 3 out 2019
O Concello de Vigo cerra este sábado a nova edición do concurso musical "Vigo en Vivo 2019" coa gala final ás 20:00 horas na Praza da Constitución. Os encargados de poñer a música serán os grupos finalistas que se coñecerán esta noite-as votacións están abertas ata as 24 horas de hoxe- e dos seis que participarán na gala, sairán os tres gañadores do certame.

O obxectivo do concurso é fomentar a creación musical e premiar o espírito creativo por parte de bandas sen disco propio e sen espazos. A votación popular realízase na páxina web vigosonico.org; os votos dos usuarios valen un 50% e o outro 50% resulta dun xurado conformado por persoas recoñecidas profesionalmente dentro do mundo da música.

Nos concertos celebrados durante a primeira fase do concurso "Vigo en Vivo" participaron os seguintes grupos: Rusty Bones, Tai G, María Canosa, Tinta, Lyer & Dj Mirage, Dioivo, Durplefly, Blue Sunflowers, Marlowe, Ronseya, Grupo NÓS, Ensamble Verxel, Keren Hapuc e Ash Santos.

O Concello concede tres premios aos gañadores. O primeiro premio permitirá gravar 3 maquetas en Vigosónico e realizar un videoclip do tema que elixan; o segundo premio é a gravación de dúas maquetas en Vigosónico e o terceiro a gravación dunha maqueta en Vigosónico.