O alcalde pide a Feijóo "atender as cuestións" de Vigo abrindo un escenario de diálogo distinto

"Se Feijóo quere diálogo con Vigo ten que asegurarnos que vai en serio" e cumprir as súas promesas coa cidade, apuntou o rexedor en rolda de prensa, antes de enumerar o listado de "grandes débedas" da Xunta de Galicia coa cidade. <br />

martes, 6 ago 2019
Abel Caballero reiterou este martes que quere "abrir un escenario distinto" co presidente da Xunta tras a súa "desatención total á cidade" coa que "non cumpriu as súas promesas" polo que debe asumir as grandes débedas do goberno autonómico con Vigo.

Para iniciar este diálogo, Caballero demanda a Feijóo que "ten que asegurarnos que está en serio e atender as cuestións que lle propoñemos", algunhas delas dixo, "decisións políticas que non implican cartos" citando como exemplo: a retirada da candidatura "Illas Cíes- Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio da Humanidade" da UNESCO presentada pola Xunta de Galicia "con escurantismo total" co obxectivo de paralizar a candidatura de Vigo "na que levamos cinco anos traballando"; a derogación da Ley 2/2017 de medidas fiscais, administrativas e de ordenación que obriga a Vigo ao abono dos autobuses a cidadáns residentes fóra da cidade; a derogación da Lei que obriga ao Concello a pagar unha parte do custo de centros de día e de escolas infantís da Xunta de Galicia que ascende a 550.000 euros; retirar os impedimentos para instalar as ramplas mecánicas na Gran Vía, permitir a aplicación da Lei Vigo para executar os proxectos do pavillón de Matamá e o acceso ao Colexio Párroco don Camilo, retirar o recurso contencioso administrativo contra a Área Metropolitana de Vigo; derogar a decisión de impoñer ao Concello de Vigo a taxa sobre a presa de Eiras.

Amais, o alcalde de Vigo citou en rolda de prensa algunhas das cuestións que demanda ao presidente da Xunta na carta que vén de enviarlle: a cidade do transporte, o transvase de emerxencia para dar auga a Vigo, o caudal ecolóxico do río Oitavén, a mellora das redes de saneamento, a mellora do paseo do Lagares, solo industrial en Vigo porque non "fixeron nin un só metro cadrado en Vigo; facémolo o Concello e Zona Franca". Amais solicita á Xunta de Galicia máis fondos para Consorcio Casco Vello, apoio ao aeroporto de Vigo, autobús ao aeroporto, melloras no Meixoeiro e aparcamento gratuíto no Cunqueiro, a construción do centro de saúde de Bouzas co proxecto inicial, as estradas da Xunta en Vigo "que teñen sen humanizar", a participación na construción de Balaídos "que na actualidade financian soamente o Concello e a Deputación", os túneles de Julián Estévez e Beiramar, atención dos centros educativos e cubrición de patios de colexios, a construción do Instituto de Navia, aumentar o orzamento do centro de atención a mulleres vítimas da violencia machista, que a Xunta asuma CEDRO, máis prazas de residencias de maiores, subvención para as dúas orquestras sinfónicas de Vigo, financiamento para os concertos que se celebran en Vigo ou apoio ao Marisquiño.