A Orquestra Clásica de Vigo ofrecerá un concerto no monte do Castro na noite das Perseidas

Da man do Concello de Vigo, a formación clásica interpreta este sábado ás 21:45h "Peer Gynt", a coñecida obra de Edvard Grieg, con acceso gratuíto ata completar aforo. Logo da edición inaugural do pasado ano, reedítase este verán a Noite das Perseidas na explanada das áncoras, no monte do Castro.

luns, 5 ago 2019
Abel Caballero invitou a toda a cidade a achegarse ata o Castro a gozar do concerto gratuíto da Orquestra Clásica de Vigo. O concerto terá lugar este sábado, 10 de agosto, ás 21:45h na explanada das áncoras do monte do Castro. A segunda edición da Noite das Perseidas ofrecerá a interpretación de "Peer Gynt", de Edvard Grieg, da man da Orquestra Clásica de Vigo.

A actuación comezará co solpor, sendo unha oportunidade única para compartir a música clásica nun marco inédito no que a posta do sol forma parte da posta en escena do concerto. A proposta súmase á programación anual da formación, que este ano celebra o seu 35 aniversario.