Escoitar

O alcalde advirte á cidade sobre a incidencia no tráfico da procesión do Cristo

Abel Caballero apela á colaboración cidadá ante a afectación que terá no tráfico este evento excepcional que se celebra o domingo e que supoñerá o corte do tráfico en superficie na rúa Cánovas del Castillo desde as 16:30 horas da tarde.

venres, 2 ago 2019
O próximo domingo, día 4, a cidade acolle a procesión do Cristo da Victoria que sae ás 19:30 da Concatedral de Santa María e que percorre, como vén sendo habitual, a rúa Real, a Ribeira do Berbés, Cánovas del Castillo, Montero Ríos, Concepción Arenal, Colón, Policarpo Sanz, Porta do Sol, Praza da Constitución e Triunfo.

O rexedor deu conta este venres das medidas en materia de tráfico que se tomarán, tendo en conta a recomendación, na medida do posible, de evitar a zona pola que pasa a procesión na que participan milleiros de persoas.

Caballero explicou que o tráfico irá cortándose a medida que avanza a comitiva pero que a experiencia de anos anteriores di que, a partir das 16:30 horas, é necesario cortar o tramo en superficie de Cánovas del Castillo en dirección Montero Ríos, dada a afluencia de xente que realiza o percorrido de forma individual e que ocupa parte da calzada. Con todo, os coches poderán seguir circulando polo túnel mentres a procesión non chegue a esa zona.

O alcalde pediu a colaboración cidadá ante a celebración deste evento excepcional que afectará á normal circulación de vehículos este domingo.