Escoitar

O alcalde valora o "acordo satisfactorio" para os accesos e entorno da nova estación de Urzáiz

O Concello vén de pechar con Xunta e ADIF a ampliación do convenio para construír os accesos á estación do AVE de Thom Mayne, de autobuses e a saída en túnel á AP9, que suporá o derrubo do paso elevado de Lepanto. Ademais, o acordo contempla reformar á Praza da Estación, coa recuperación da fachada da antiga terminal ferroviaria.

venres, 26 xul 2019
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou este venres o seu agrado ante o "acordo satisfactorio" acadado polas tres partes, que significará un investimento de 21,4 millóns para os accesos á estación de Urzáiz, a conexión coa autoestrada e a remodelación completa do entorno. O ente estatal abonará o 68% e Concello e Xunta, o 16% cada quen.

Segundo explicou o alcalde, un total de 17,2 millóns de euros irán destinados para os accesos: 4,8 millóns para o ramal de conexión coa terminal de autobuses, 3,9 millóns para a saída en túnel desde Lepanto ata a autoestrada, a conexión da AP9 co centro Vialia ten un orzamento de 5,5 millóns, outros 2,7 millóns para instalacións e algo máis de 100.000 euros para a demolición do paso elevado de Lepanto. Desta cantidade, engadiu Caballero, o 60% será sufragado por ADIF, mentres que Concello e Xunta achegan practicamente o 20% cada un.

Ademais, o acordo inclúe a remodelación completa da Praza da Estación e da rúa Baixada á Estación, obra que vai recuperar e integrar a fachada da antiga estación de tren. Tamén se prevé, anotou Caballero, un elevador que conecte a praza con Urzáiz e salve a pendente das actuais escaleiras.

"Estamos facendo unha humanización total de toda a zona de Lepanto, da Praza da Estación e de Alfonso XIII, unha nova saída á autoestrada en túnel e unha mellora das entradas en Vigo", concluíu Caballero, quen recordou que o Concello vai incorporar no entorno un ascensor desde García Barbón con saídas á estación Vialia de Thom Mayne e a Vía Norte. O alcalde estimou en máis de dous millóns de euros o custo desta actuación.