O Concello edita tres novas obras da serie "Historias para coñecermos Vigo"

Os novos libros -creados por María Xosé Porteiro, Fina Casalderrey e María Reimóndez- descobren Candeán, Cabral, A Madroa, Oia, Canido, Saiáns, Coia e as Travesas. O proxecto busca dar voz á cidade e suma xa once publicacións.

xoves, 4 xul 2019
1562325886libros.jpg
As autoras e o editor, Javier Romero, participaron este xoves xunto á concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, na presentación das tres novas obras da serie "Historias para coñecermos Vigo": Oia - Canido, "Caderno de bitácora", a cargo de Fina Casalderrey; Candeán–Cabral–Madroa, "Buscando a Clara", por María Xosé Porteiro; e Coia – As Travesas, "Unha xigante ira colectiva", por María Reimóndez.

Este proxecto da voz á cidade como personaxe principal, con novelas escritas desde Vigo e para Vigo. A colección pretender dar a coñecer o entorno e o seu medio, a toponimia e a lingua, con narracións que xiran ao redor da historia, da arte e da literatura, do urbanismo, a industria e do medio natural, cunha perspectiva actual e tamén retrospectiva, facendo posible coñecer os pasos dados pola cidade ata converterse no Vigo de hoxe.

Estas tres publicacións súmanse ás oito xa editadas: Casco Vello, "Os consellos de Carlos Calvo", por Manuel Sánchez Gálvez; Ensanche, "Sombras no Ensanche", por Clara do Roxo; Bouzas, "Neve detrás do cristal", por Ledicia Costas; Illas Cíes: "Poboadores do Atlántico" por Amadeo Cobas; Calvario-Lavadores: "Entre os dous hai un río", por María Lado; Teis, "Barricadas de Sal", por Francisco Castro; Parques do Castro e Castrelos, "Tizita e Sabela na procura", por Marga do Val; e Praias, "A voz das nereidas", por Santiago Lopo.

Coa base destes textos, o Concello realiza percorridos pola cidade guiados polos propios autores, como parte do programa municipal "Vigo literario". Así, a dado o éxito de público asistente, rutas como a de Teis ou a das praias tivo que ser repetida, ademais de terse celebrada outras de Cíes, do Ensanche e Lavadores.
Descargar todas as imaxes