Escoitar

O alcalde avoga pola "cooperación" coa Deputación e valora a "estabilidade política"

Tras a elección onte mércores de Carmela Silva como presidenta do ente provincial, alcalde e presidenta celebraron hoxe unha reunión tras unha visita institucional. En declaracións aos medios, Abel Caballero eloxiou a política de Silva de atención a todos os municipios, tamén aos históricamente desatendidos como Vigo.

xoves, 4 xul 2019
1562245887diputacion2.jpg
O alcalde aplaudiu a "nova forma de operar" da Deputación de Pontevedra desde a chegada, hai catro anos, de Carmela Silva á presidencia, baixo o criterio de atender "a todos", tamén a Vigo, en función dos seus dereitos, algo que, anotou Caballero, foi negado por gobernos provinciais anteriores e o actual ten corrixido.

O rexedor vigués quixo deixar clara a "cooperación" do seu goberno coa Deputación e advertiu que os proxectos requiren de "estabilidade", ao iniciar Silva o seu segundo mandato e o propio Caballero, o cuarto en Vigo. Trátase dun "proxecto único en Galicia avalado por un proxecto único en España, que é o de Vigo", indicou Abel Caballero, quen amosou a súa satisfacción pola visita institucional a Pontevedra.

Pola súa banda, a presidenta provincial, tamén tenente de alcalde de Vigo, puxo en valor que o alcalde de Vigo presida a FEMP, o que "seguramente non volverá a acontecer na historia" ao englobar a Federación a máis de 8.100 concellos de España. Definiu a Caballero como un "gran defensor da política local como a política total" o que é "importante" para Vigo e para a provincia.

Ademais, eloxiou que Abel Caballero dea "batalla" para que as administracións locais ocupen o espazo que lles corresponde, asuman as competencias e reciban os fondos ao respecto, ademais de valorar o seu "enorme esforzo" para potenciar o aeroporto de Vigo, o único da provincia, e polo que acceden os turistas que chegan a todo Pontevedra.
Descargar todas as imaxes