Escoitar

O Trofeo Concello de Vigo de Pádel reúne a máis de medio milleiro de palas nas pistas de Máis que Auga

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, di que o pádel "está en auxe" e o Trofeo Concello de Vigo vai definir as e os mellores da cidade nas pistas de Máis que Auga.

xoves, 27 xuñ 2019
1561652559270619Padel.JPG
Manel Fernández, concelleiro de Deportes, presentou hoxe a sétima edición do Trofeo Concello de Vigo de pádel, acompañado polo director de Operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso, e do responsable do pádel nos complexos MQA, Xoel Tejo. Dende este sábado ata o domingo 7 de xullo vaise celebrar este torneo de referencia do pádel vigués, que abrangue ata once categorías, unha federada (1ª Ouro masculina, con oito parellas de alto nivel) e dez Open (catro masculinas, catro femininas e tres mixtas).

"O padel é unha disciplina deportiva que está a ter moito crecemento e auxe e o Concello quere sumarse e apoiar aquelas iniciativas que levan consigo o desenvolvemento deste deporte", sostuvo o edil, que lembrou os tres anos de contrato que garanten o World Padel Tour ata 2022. "É un acontecemento de grande relevancia, pero tamén queremos destacar no mundo do pádel a relevancia do Trofeo Concello de Vigo, que se consolida co paso do tempo e aproveita as mellores instalacións que hai en Vigo".

Máis de medio milleiro de palas competirán durante nove días nas pistas de MQA. De feito, por segundo ano consecutivo se supera esa cifra, a meirande nun torneo da área de Vigo. "A sétima edición non é maís que un reflexo da aposta decidida do Concello. O World Padel Tour é un impulso para este deporte e nós témolo notado xa porque dobramos a cantidade de parellas inscritas na categoría de iniciación", anunciou Cortegoso.

O director de Operacións de MQA, que dixo que a suma dos seus centros achégase preto dos 800 alumnos na academia de pádel, explicou que ata agora "era máis difícil enganchar ás persoas para xogar un torneo en iniciación", pero que despois do WPT hai unha resposta moi significativa: 51 parellas nos cadros en M5, F4 e Mixta4.

Ademais, Xoel Tejo apuntou que "por vez primeira superamos os 6.000 euros en premios, lembrou que de feito "ponse en xogo quen son os mellores e as mellores xogadoras da cidade" e aplaudiu a alta participación feminina (183 mulleres sobre 520 inscricións).
Descargar todas as imaxes