Escoitar

O goberno local licita o servizo sanitario de CEDRO por 752.000 euros anuais

O Concello de Vigo validou o expediente de contratación do servizo sanitario asistencial de apoio á Unidade Asistencial de Drogodependencias, segundo informou este mércores Abel Caballero. Ademais, o goberno de Vigo aprobou unha subvención de 20.000 euros a un programa de cooperación en Perú e os convenios de apoio á Asociación Española contra o Cancro e á Fundación Menela.

mércores, 26 xuñ 2019
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do servizo sanitario asistencia de apoio á Unidade Asistencial de Drogodependencias de CEDRO, o centro municipal de tratamento das drogodependencias, un contrato que sae por tres anos a razón de 752.000 euros anuais, segundo informou este mércores o alcalde.

Abel Caballero salientou que o Concello vén prestando este servizo desde hai máis de tres décadas e o ano pasado contou cun volume asistencial total superior aos mil doentes. O alcalde recordou que as administracións locais non teñen competencias en materia sanitaria, pois é unha responsabilidade autonómica. Pese a todo, "nunca imos de deixar de atendelo", anotou o rexedor vigués, quen denunciou un descenso paulatino na achega da Xunta a un centro sostido económicamente ao 63% polo Concello.

Política social
O goberno de Vigo tamén deu luz verde a outros acordos en materia de cooperación e apoio social, cun importe total de 65.000 euros. Así, o Concello validou a concesión dunha subvención de 20.000 euros a "Aulas Abertas Comedores Escolares" para o desenvolvemento dun proxecto de comedores e acceso á educación para nenos e nenas en situación de extrema pobreza en Cajamarca, Perú. O programa combate a malnutrición a través da comida na escola e apoiando que os fogares e a comunidade produzan alimentos para o seu autoconsumo de maneira sostible.

Ademais, o goberno presidido por Caballero aprobou un convenio coa sede viguesa da Asociación Española contra o Cancro para levar adiante o seu programa de atención psicosocial ao doente oncolóxico e aos seus familiares. O Concello achega 21.000 euros e deriva á entidade a 25 doentes e outros tantos familiares para que sexan atendidos.

Por último, o goberno de Vigo aprobou tamén o convenio coa Fundación Menela para o desenvolvemento dun programa de respiro para familiares e coidadores habituais de persoas afectadas por algunha discapacidade intelectual, por importe de 24.000 euros. O proxecto ofrece estancias de corta duración a usuarios de 3 a 50 anos nas instalacións da Fundación, onde son atendidos por profesionais que organizan saídas e actividades lúdicas.