Escoitar

A II Lanzadeira de Emprego de Vigo chega ao seu ecuador cun 50% de inserción laboral

Os concelleiros de I+D e de Facenda visitaron aos integrantes do programa de emprego no Auditorio Mar de Vigo e coñeceron o balance intermedio tan positivo. Once dos 20 participantes xa atoparon traballo por conta allea en diferentes sectores laborais.

martes, 25 xuñ 2019
1561466847LanzadeiraEmprego.JPG
A concelleira de I+D e Dinamización Administrativa, Ana Mejías, e o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, visitaron este martes aos participantes da II Lanzadeira de Emprego de Vigo, unha iniciativa da Fundación Santa María La Real, Fundación Telefónica e Concello de Vigo.

A II Lanzadeira de Emprego de Vigo comezou a funcionar a finais de marzo para axudar a unha vintena de persoas en situación de desemprego a reactivar a súa procura de traballo con novas técnicas e ferramentas de orientación laboral acordes ao novo mercado laboral: continuamente cambiante, máis tecnolóxico e dixital, e con novas profesións emerxentes.

Yolanda García Seonae é a técnica da Fundación Santa María a Real que xestiona a lanzadeira. Durante a visita explicou que o equipo comezou con 20 participantes, que durante estes primeiros meses realizaron talleres de autocoñecemento e intelixencia emocional para aprender a facer un plan de procura de traballo e enfocar o seu obxectivo laboral; actualización e modernización de currículos; simulacións de entrevistas de traballo e procesos de selección grupal. Así mesmo, aprenderon novas técnicas de comunicación, marca persoal e promoción profesional, así como de procura de traballo na contorna dixital.

Froito do traballo colectivo e do propio esforzo individual, hai 11 integrantes que atoparon traballo por conta allea en varios sectores: loxística, comercio, telemarketing, sanidade ou mantemento, entre outros. Os 9 compañeiros restantes (7 mulleres e dous homes) continuarán participando no programa ata lograr a súa inserción laboral.

Traballar por proxectos
Para dar mostra do cambio de actitude que experimentaron e a súa proactividade, interviñeron durante a visita para contar como se distribuíron as funcións e crearon varios proxectos para facer que a súa procura de traballo sexa colectiva, organizada, máis profesional e eficaz.

Desta maneira, mentres uns organizan unha base de datos cos seus perfís profesionais, outros buscan ofertas de traballo, outros alimentan a súa web e perfís en redes para lograr maior visibilidade e posicionamento.

Balance final en agosto
"De momento é unha cifra moi provisional, xa que o balance final saberémolo en agosto. Con todo, é algo moi positivo tendo en conta que agora potencian as visitas ás empresas, acoden a eventos profesionais e aumentan a súa rede de contactos en prol do seu obxectivo e inserción", explicou a portavoz da Fundación Santa María a Real, Soraya das Sías, que lembrou que a iniciativa conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do programa operativo POISES.

Pola súa banda, a representante de Fundación Telefónica, Cristina de la Cuesta, destacou que este tipo de visitas permite poñer rostro aos protagonistas das lanzadeiras, coñecer os seus avances e retos para mellorar as súas competencias, especialmente as dixitais, e mellorar a súa empregabilidade. "Permítenos demostrar que esta metodoloxía, innovadora e diferencial, é eficiente e eficaz na loita público-privada contra o paro", matizou Cristina de la Cuesta.

A concelleira de I+D e Dinaminazión Administrativa, Ana Mejías, destacou que para o Concello de Vigo "é unha satisfacción participar nestas iniciativas, porque aínda que non temos competencias directas en emprego, a nosa prioridade é facilitar a busca de traballo dos vigueses e viguesas".

Pola súa banda, o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o goberno local, co alcalde á cabeza, traballa no fomento de emprego. "Levamos anos colaborando con empresas, asociacións e colectivos, porque como cidade motora da economía galega é un factor fundamental no progreso de Vigo", sinalou.
Descargar todas as imaxes