Escoitar

O Nadal Bus municipal suma 12.026 pasaxeiros nun mes

O alcalde informou da "demanda extraordinaria" deste servizo posto en marcha durante as festas e adiantou que ampliará o seu funcionamento ata o 13 de xaneiro o día no que se apagarán as luces de Nadal. Amais, instou á cidade a que se prepare para a "mellor cabalgata que tivemos nunca".

venres, 4 xan 2019
"O volume de ocupación é total" asegurou Abel Caballero esta mañá ao dar conta dos datos que acumula o autobús turístico posto en marcha polo goberno municipal durante as festas de Nadal. Desde o 1 de decembro de 2018 ata o 1 de xaneiro deste ano, 12.026 persoas fixeron uso deste servizo nos dous autocares que percorren a cidade para coñecer a iluminación navideña.

Segundo expuxo, o día con maior demanda foi o pasado 8 de decembro, con cifras similares rexistradas o 23 de decembro e a finais de ano, onde arredor de 800 persoas viaxaron nos autocares pola cidade.

"Hai máis demanda que prazas; a demanda é extraordinaria, cun volume total de ocupación", apuntou o rexedor que tamén avanzou que os autobuses seguirán en funcionamento ata o 13 de xaneiro, domingo, coincidindo co día que se apagan as luces.

Amais, Caballero lembrou a celebración mañá sábado da Cabalgata dos Reis Magos "a mellor que tivemos nunca" na que se repartirán catro toneladas e media de caramelos sen glute e sen azucre e que comeza ás 18 horas da tarde de García Barbón (desde a rotonda de Isaac Peral) con remate na Porta do Sol onde lle entregará ás Súas Maxestades de Oriente as chaves da cidade.