Escoitar

Vigo prolonga o alumeado de Nadal ata o 13 de xaneiro

O alumeado de Nadal lucirá nas rúas de Vigo ata o vindeiro 13 de xaneiro. A decisión do goberno local chega despois do éxito da iniciativa e da afluencia masiva de visitantes. O alcalde tamén anunciou que o Concello recibiu un galardón dos Premios Nacionais de Comercio pola súa labor en favor do comercio local.

xoves, 3 xan 2019
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que o alumeado de Nadal permanecerá acendido ata o vindeiro 13 de xaneiro despois do rotundo éxito que acadou desde a súa posta en marcha o pasado 24 de novembro.

Segundo explicou o rexedor, o domingo 13, tras o fin de semana das rebaixas, levarase a cabo un "apagado solemne con conta atrás". Caballero engadiu que a intención do goberno local é instaurar de forma definitiva o acendido das luces o carto sábado de novembro e o segundo domingo de xaneiro será o apagado.

"Fixemos unha recuperación dunha tradición moi importante e recollemos aquel sentimento do Nadal, o adorno, a cultura das luces, da beleza... e xeramos unha nova atracción na cidade. A antiga festa de 15 días a transformamos en dous meses, é un éxito", sinalou.

Premio Nacional
Por outra banda, Abel Caballero anunciou que o Ministerio de Industria, Comercio e Traballo concedeulle ao Concello de Vigo un accésit de carácter honorífico dentro dos Premios Nacionais de Comercio Interior 2018. "Un dos elementos máis valorados para a concesión do premio é a iluminación do Nadal de 2017", destacou o alcalde.