Escoitar

Augas de Galicia colaborará na execución do plan director de abastecemento de augas a Vigo

Augas de Galicia vai colaborar co Concello de Vigo na redacción e execución do Plan Director de Abastecemento de Auga á área de Vigo. Ese é o compromiso adquirido polo presidente do organismo, Emilio García Gallego, ante o alcalde de Vigo, que hoxe lle presentou en Santiago o avance do devandito proxecto.

martes, 15 abr 2003
O avance do Plan Director de Abastecemento foi elaborado polo concello vigués coa finalidade de determinar as infraestructuras que será necesario construir para satisfacer no horizonte dos próximos 30 anos as necesidades dunha poboación de 600.000 habitantes, a que corresponde a Vigo e os concellos da bisbarra. Neste Plan están incluídos os proxectos de conexión Casal-Valadares e do peche perimetral, que resolverán o déficit de auga en zonas como Beade e garantirán o subministro ao Parque Tecnolóxico e Loxístico e ao polígono de Navia. Estas obras xa foron aprobadas polo pleno da corporación e principiarán a finais de abril cun orzamento de 8 millóns de euros.

O resto dos proxectos recollidos no avance do Plan serán revisados por técnicos de Augas de Galicia e do Concello de Vigo antes de ser integrados no Plan Hidrolóxico de Galicia, paso previo para a súa execución. Lois Castrillo anunciou que o documento tamén lle será presentado á Deputación Provincial coa fin de coordenar entre todas as institucións un plan director, no que está previsto investir ao redor de 213 millóns de euros. A execución do Plan permitiría garantir o fornecemento de auga a 14 concellos durante os vindeiros 30 anos.

Entre as propostas de actuación incluidas no Plan está a construcción dun encoro de 17 Hm3, un túnel sifón en Amoedo, unha nova estación de tratamento de auga potable cun caudal de 1.500 litros por segundo, a renovación de redes de distribución de fibrocemento por outras novas de fundición dúctil e o deseño e construcción de seis novos depósitos de almacenamento.