Escoitar

O Concello inviste 9,2 millóns en humanizar Don Bosco, Camelias e a Gran Vía

O alcalde anunciou as adxudicacións da humanización do último tramo de Camelias -cun orzamento de 2.165.000 euros- e das cintas mecánicas da Gran Vía -con 5.189.000 euros-, ademais da aprobación o proxecto de mellora da Ronda de don Bosco, por 1.852.000 euros. O Concello ten 18 actuacións en marcha por importe de 27,3 millóns.

venres, 30 nov 2018
Abel Caballero informou da adxudicación da humanización da Avenida das Camelias, entre Juan Ramón Jiménez e a Avenida da Hispanidade, obra que presenta un orzamento de case 2,2 millóns de euros e oito meses de prazo estimado de execución.

O Concello renovará o pavimento, o abastecemento, alumeado e mobiliario para unha mellora da seguridade viaria e da eficiencia enerxética. Caballero subliñou a recuperación dun espazo público entre os números 19 e 21 da Avenida, demolendo unha edificación, e a execución dunha senda de unión coa Hispanidade dando lugar a unha zona verde. O alcalde, quen recordou que antes da humanización as roturas do abastecemento eran frecuentes, puxo en valor a de Camelias como unha das reformas máis importantes que se están a acometer.

En segundo lugar, o goberno de Vigo aprobou o proxecto da humanización da Ronda de don Bosco, por 1.852.000 euros e dez meses de prazo estimado de obras. O Concello vai completar a remodelación do vial actuando desde o Paseo de Granada ata Eduardo Iglesias e desde Velázquez Moreno ata o Progreso, renovando abastecemento, saneamento, pluviais e instalacións de servizos, con beirarrúas de granito, nova iluminación e mobiliario.

Na praza existente entre as rúas Pracer e María Auxiliadora, anotou Caballero, o goberno de Vigo proxecta a creación dun espazo con pequenos graderíos de granito segundo baixa a rúa, con pérgolas de estrutura metálica e acabado superior con pezas de madeira laminada. A escultura de don Bosco será retirada durante as obras e emprazada logo no centro da praza, integrada na humanización.

Por último, Abel Caballero amosou a súa satisfacción pola adxudicación da transformación da Gran Vía, obra de 5.189.000 euros de orzamento cofinanciada polos fondos FEDER da Unión Europea, dentro do proxecto EDUSI Vigo Vertical: "é a maior satisfacción do mundo, porque nos sae gratis".

Na Gran Vía, o Concello prevé actuar sobre máis de 200 metros de rúa, entre María Berdiales e Venezuela, con novas redes de pluviais, abastecemento e saneamento, rego e alumeado, todo soterrado. O bulevar contará con cintas mecánicas cubertas, respectuosas co entorno, segundo expresou Caballero, e se intensifica a vexetación.

A modo de resumo, as tres humanizacións supoñen un orzamento superior aos 9 millóns de euros. O alcalde puxo en valor esta cifra e engadiu que actualmente o Concello ten en marcha 18 humanizacións por importe total de 27,3 millóns de euros.