Escoitar

O Concello eleva o orzamento aos 2 millóns para cubrir a demanda de axudas de comedor escolar

Segundo informou este xoves Abel Caballero, o goberno de Vigo resolveu a convocatoria de bolsas de libros e comedor escolar, cun total de case 4.500 alumnos beneficiados este curso. Para o comedor, o Concello incrementou en 138.000 euros a partida para evitar a lista de agarda e completar toda a demanda.

xoves, 8 nov 2018
O alcalde ofreceu este xoves os datos da resolución da convocatoria de axudas para libros, material e comedor escolar, un total de 4.439 alumnos beneficiarios de segunda etapa de Infantil, Primaria e Secundaria. Nesta convocatoria, o goberno de Vigo adica 1,33 millóns de euros.

1.253 alumnos recibiron axudas económicas de libros e material escolar, por importe total de 110.000 euros, revelou o alcalde. No relativo ao comedor, Abel Caballero anunciou o incremento da contía económica para cubrir toda a demanda, un aumento de 138.000 euros cos que o Concello completa a demanda de todo o alumnado que cumpriu cos requisitos establecidos.

Coa nomeada suba do orzamento, xunto aos 606.000 euros que o goberno de Vigo achega a FOANPAS para o mesmo concepto, o Concello de Vigo inviste 1.944.000 euros en apoios a libros, material e comedor escolar.

Abel Caballero incidiu na política social do consistorio vigués, a máis importante das grandes cidades de España e que se verá incrementada no orzamento municipal para o 2019. O próximo ano, o Concello reserva 17,7 millóns para política social, un 22,3% máis que no presente 2018.