Escoitar

O Concello recorre a negativa da Xunta a aplicar a "lei Vigo" ao novo pavillón de Matamá

O goberno vigués aprobou interpoñer un contencioso administrativo contra a resolución autonómica que denega a aplicación da Lei 3/2016 para construír o polideportivo de Matamá, pois considera que o Concello ten lexitimidade para promovelo.

xoves, 20 set 2018
Segundo explicou Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a interposición dun recurso contencioso administrativo contra a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que desestima a solicitude do Concello de iniciar o procedemento previsto na lei 3/2016 para proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Revelou o alcalde que a Xunta denega a aplicación desta lei para a execución dun novo pavillón en Matamá, que pagaría a administración local, cuestionando por un lado a lexitimidade do Concello para promover a aprobación de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese público e, en segundo lugar, a motivación da urxencia ou interese da obra.

A lei 3/2016 refírese a proxectos "promovidos por órganos das administracións públicas ou de dereito público", o que inclúe ás entidades locais, a xuízo do Concello: "debe ser que o Concello de Vigo non é unha administración pública", ironizou Caballero. Sobre o segundo suposto, a resolución autonómica non xustifica por que o proxecto do novo pavillón non cumpre o criterio de urxencia ou interese público.

Obras en colexios
Tamén na Xunta de Goberno Local aprobouse o expediente para a adquisición de material e aluguer de maquinaria para que o persoal do programa Vigo Emprega do Concello poida executar obras de mellora en 18 centros públicos de Infantil e Primaria da cidade.

Caballero puxo en valor que este contrato achégase aos 200.000 euros -que complementan os 1,8 millóns de orzamento do Vigo Emprega- e supón a execución de obras na Escola Infantil municipal de Santa Marta e nos Centros de Educación Infantil e Primaria de Balaídos, Escultor Acuña, Bembrive Chans, Cabral Carballal, Candeán Fontescura, Ría de Vigo, Mestres Goldar, Pintor Laxeiro, Lavadores Pombal, Lavadores Vilar, Lope de Vega, Sárdoma Moledo, Vicente Risco, Frian Teis, San Salvador de Teis, García Barbón e Saladino Cortizo.

Vigo 430
Por último, o alcalde deu conta da aprobación dun apoio á Orquestra Vigo 430 de 123.000 euros, que se materializará cun convenio entre as partes. En verbas do alcalde, o Concello é "a única achega de entidades públicas que ten a sinfónica de Vigo".