Escoitar

Caballero amosa a súa satisfacción porque o Goberno apoia a Biblioteca do Estado para Vigo

O alcalde asegura que "por primeira vez en moitos anos" o Goberno de España apoia a Biblioteca do Estado en Vigo. Tal e como avanzou, o ministro de Cultura, José Guirao, "entende e comparte" a necesidade deste proxecto para a cidade. <br />

mércores, 19 set 2018
1537375664cultura.JPG
O alcalde de Vigo amosou este mércores a súa satisfacción tras manter unha reunión co ministro de Cultura, José Guirao, xa que constatou o "apoio" ao proxecto da Biblioteca do Estado para a cidade por parte do Goberno de España, "por primeira vez en moitos anos". Tras o encontro, explicou que saía "moi contento" coa receptividade de Guirao con respecto a ese proxecto que, asegurou, o ministro "entende e comparte".

O rexedor transmitiulle a José Guirao tanto a súas intencións sobre o edificio como a ubicación e subliñou que esta iniciativa "estivo nos Orzamentos Xerais do Estado ata que chegou o Goberno de Rajoy". Segundo reiterou Caballero, "ao ministro gústalle moito o proxecto de biblioteca e vai tratar de levalo adiante. "Por primeira vez en moitos anos temos o apoio do Goberno de España" proclamou o alcalde, quen engadiu que "seguirán as conversas para avanzar neste senso".



Marco
Por outra banda, o alcalde tamén informou a Guirao do cambio de estatutos no padroado do museo MARCO, "para adaptalos á nova realidade e ás novas necesidades da arte contemporánea na cidade". "Estivo completamente dacordo co prantexamento e teremos o seu apoio", asegurou, o rexedor quen trasladou ao responsable estatal a aposta do goberno local polo "relanzamento" deste museo e pola rede de museos municipais, a máis importante de España.

Finalmente, Abel Caballero explicou que tamén informou ao ministro sobre a candidatura do Concello para que Cíes sexa designada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, así como o "bloqueo" da Xunta de Galicia, liderada por Feijóo, que presentou a súa propia candidatura –de todo o Parque Illas Atlánticas- cando Vigo "xa levaba catro anos" traballando na súa iniciativa.

Descargar todas as imaxes