Escoitar

O Concello adxudica a venda do Hotel Samil por 2,6 millóns

Segundo informou Abel Caballero, o goberno de Vigo validou este xoves a venda ao único licitador, Attica 21, quen derrubará o actual para erixir na parcela un hotel de 4 Estrelas Superior con catro bloques dun máximo de catro alturas.

xoves, 2 ago 2018
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves adxudicou o contrato de venda da parcela do Hotel Samil a Attica 21, única empresa que optou ao concurso público, por un total de 2.626.000 euros.

O alcalde explicou que a cifra mínima esixida para a adquisición do terreo superaba lixeiramente os 2,1 millóns, co que a oferta gañadora supón un incremento de medio millón de euros en beneficio das arcas públicas.

O prazo máximo para executar a demolición do actual Hotel Samil e construír o novo complexo é de 30 meses e a adxudicataria prevé un investimento próximo aos 21 millóns para o novo hotel, cunha disposición en catro bloques dun máximo de catro alturas. Sumará 125 habitacións, piscina, spa, sala de convencións e terá algo máis de cen prazas de estacionamento. Caballero encomiou a seriedade da empresa adxudicataria e a proposta presentada para Samil: "é un gran proxecto".

Estadio de Balaídos
Por outra banda, o goberno de Vigo adxudicou a Idom -por case 60.000 euros- a elaboración dun estudo de viabilidade económico financeira para determinar a modalidade de explotación, canon e prazo de duración do estadio municipal de Balaídos. O documento deberá estar elaborado nun prazo de 40 días.

O traballo, detallou Caballero, analizará a viabilidade da cesión do recinto deportivo, determinará a modalidade de explotación a escoller e, no seu caso, o prazo de duración e canon a satisfacer polo mesmo.

O alcalde de Vigo recordou que Concello e Deputación levan investidos 13 millóns de euros na remodelación integral do estadio no que xoga o Real Club Celta de Vigo. A reforma xa está concluída nas dúas bancadas de maior aforo, Río e Tribuna, e o goberno vigués xa encargou a redacción dos proxectos para os fondos de Gol e Marcador, ademais de para construír un estacionamento soterrado dunhas mil prazas.

Caballero avanzou que Zona Franca está estudando a forma de participación da entidade estatal na remodelación do estadio, unha vez tomou posesión o novo delegado, David Regades.