Escoitar

Raphael chega a Castrelos con todas as entradas vendidas

O programa "Vigo en Festas" do Concello de Vigo reserva para este xoves as 23h a gran actuación de Raphael no Auditorio de Castrelos, con todo o papel vendido. Para facilitar a mobilidade dos espectadores, o goberno vigués pecha ao tráfico desde as tres da tarde o vial que cruza o parque.

xoves, 2 ago 2018
O artista de Linares vendeu hai tempo as cinco mil entradas dispoñibles para o concerto deste xoves en Castrelos, sen contar o acceso gratuíto ao anfiteatro do emblemático auditorio vigués. Para este concerto, indicou Caballero, o goberno vigués vai reforzar e mellorar o son con máis equipos.

O Concello dispón dun servizo de lanzadeiras de autobús urbano á finalización do concerto, que parte da Avenida de Castrelos e pasa por Travesas, Camelias, Romil, Paseo de Alfonso, Policarpo Sanz, García Barbón, Isaac Peral, Travesía e Gregorio Espino. Para chegar ao parque, as liñas regulares dispoñibles son a L7, L8, L12B, L17, L27, H1 e H2. Abel Caballero animou á cidadanía a prescindir do vehículo privado para achegarse ata Castrelos.

En todas as actuacións que programa este verán en Castrelos, o goberno de Vigo facilita a mobilidade e seguridade dos espectadores cortando ao tráfico o vial interior que cruza o parque, desde as tres da tarde do día do concerto. Tamén se prohibe o estacionamento na nomeada rúa desde as dez da mañá ata a finalización do concerto.

Próximas citas
En declaracións aos medios, o alcalde recordou as propostas do Concello para as próximas datas, tamén no auditorio de Castrelos. Mañá venres comeza a programación de actuacións infantís, sempre ás 20 horas, con Rock en Familia, seguido de Cantajuegos, que estará en Vigo o sábado.

O domingo tocarán en Vigo o grupo de indie rock español Lori Meyers, cun bo ritmo de venda de entradas ata o momento. O próximo luns, 6 de agosto, retómase a programación para toda a familia con "Xurásico, a illa perdida" e o martes 7 de agosto, "Os mundos de Peppa Pig e Ben&Holly", ambas ás 20 horas.

Os grandes concertos deste ano en Castrelos terán o seu broche final coas actuacións de Juanes -o mércores 8 de agosto ás 23 horas- e de Aitana, Ana Guerra, Cepeda, Miriam e Roi, coñecidos pola súa participación na última edición de OT, o próximo venres, 10 de agosto, ás 22:30 horas.