Escoitar

O goberno de Vigo aproba o proxecto de reforma dos pavillóns de Río, con 1,5 millóns

O proxecto presenta un orzamento próximo ao millón e medio de euros para remodelar os espazos deportivos baixo a bancada de Río, no estadio de Balaídos, onde Concello e Deputación levan investido 13 millóns de euros, segundo explicou este venres Abel Caballero.

venres, 27 xul 2018
O goberno vigués reformará os pavillóns baixo a bancada de Río, en Balaídos, despois de ter aprobado o proxecto de remodelación cun orzamento próximo ao millón e medio de euros.

Explicou Abel Caballero que o Concello dotará a estes espazos deportivos de novos firmes, novos vestiarios e aseos públicos, dun novo vestíbulo e accesos aos recintos e dunha nova instalación de luz LED. Ambas institucións, cifrou o alcalde, levan investidos no estadio municipal de Balaídos 13 millóns de euros, aos que se engaden agora este millón e medio máis correspondente aos pavillóns.

Esta obra forma parte do convenio subscrito polo goberno de Vigo e a Deputación provincial para a mellora de instalacións deportivas en Vigo. O acordo achégase aos dez millóns de euros e inclúe a renovación do céspede nunha decena de campos de fútbol e os pavillóns de Romil e de Quirós, en Sárdoma, ademais da remodelación integral dos existentes baixo a bancada de Río.