Escoitar

O Concello inicia os trámites do novo Barrio do Cura, que estará concluído en catro anos

O alcalde anunciou que a próxima Xerencia de Urbanismo dará conta do inicio da tramitación ambiental simplificada para modificar o Plan Xeral e dar cabida ao proxecto de rexeneración do Barrio do Cura. Ademais, o goberno vigués tamén aprobará a modificación do PEPRI do Casco Vello na Panificadora para a súa rehabilitación.

luns, 23 xul 2018
A Xerencia de Urbanismo do próximo xoves abordará estas dúas cuestións "importantes" para a cidade, segundo avanzou Caballero. A sesión dará conta do inicio da avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual do PXOM para a reordenación do Barrio do Cura, co que o Concello comeza a tramitación ambiental simplificada.

O goberno vigués, explicou o alcalde, remitirao á Xunta para que sexa publicado e inicie o período de consultas. O proxecto para o Barrio do Cura debería estar completado nun prazo de catro anos e contempla a continuación da rúa Torrecedeira e un investimento da urbanización das zonas públicas superior aos 19 millóns de euros, máis de 5.000 metros cadrados de parque e outro tanto de praza pública, 1.200 prazas de aparcamento, unha escola infantil e un centro sociocultural. O Concello agarda así abordar a recuperación dunha zona históricamente degradada no centro da cidade.

En segundo lugar, valorou Caballero que o goberno vigués tamén aprobará inicialmente este xoves a modificación puntual do PEPRI do Casco Vello na zona da Panificadora, unha aprobación inicial que dará paso á información pública e á redacción dos informes sectoriais. O alcalde amosouse convencido de que non haberá obstáculos en ningún dos dous trámites.

Abel Caballero estimou que a aprobación definitiva poderá estar nun prazo de catro a seis meses, prazo despois do que será posible iniciar as expropiacións e a rehabilitación desta icona da arquitectura industrial viguesa. "A partir deste xoves", aseverou o rexedor, "a rehabilitación da Panificadora xa non será un proxecto senón unha realidade".