Escoitar

O Concello aproba a subvención conxunta coa Deputación de 400.000 euros para a celebración do Marisquiño

O goberno de Vigo achega 218.500 euros e a Deputación, 181.500 euros, co que Abel Caballero garante que o festival de deporte urbano "continuará en Vigo"

venres, 20 xul 2018
O goberno de Vigo aprobou esta mañá a subvención para o Marisquiño, que se celebra do 10 ao 12 de agosto e que se financia no público "fundamentalmente coas achegas do Concello e da Deputación", advertiu. En total, ambas as institucións subvencionan o festival de deporte urbano con 400.000 euros: o Concello achega 218.500 e a Deputación, 181.500. "Garantimos que o Marisquiño continuará en Vigo", asegurou o alcalde.

Caballero lamentou que a Xunta, "que achega millóns de euros en Santiago, practicamente non subvebcione nada ao Marisquiño en Vigo, a pesar de ser unha efeméride deportivo festiva de rango europeo na que participan os mellores skaters do mundo".

Por outra banda, na Xunta de Goberno Local, o alcalde anunciou que aprobaron o proxecto de ampliación do parque infantil de Bouzas, que ten un orzamento de 200.000 euros e que agora sairá a licitación e inmediatamente despois a construción. "O prazo desde a adxudicación á construción é de mes e medio", indicou Caballero.

Esta política de macroparques -que se une aos case 180 parques, moitos deles novos na cidade- complementarase cos de Independencia, de 200.000 euros; Barreiro, 200.000 euros; Pedro Alvarado, medio millón de euros e Navia, máis dun millón de euros. Ademais, na segunda fase completaranse cos da rúa Coruña, dun millón de euros; Jenaro de la Fuente, 500.000 euros e Maruja Mallo, orzamentado en 400.000 euros. "Somos a cidade da infancia e queremos seguir séndoo", asegurou o rexedor.

Nesta xunta de Goberno realizouse tamén un avance importante na humanización da estrada do Porto na zona da Garrida, Beade. "É unha estrada provincial en tan lamentable estado que os autobuses non a poden case utilizar", asegurou o alcalde. Para a súa humanización, asinaron un acordo coa Deputación de tres millóns e medio de euros. "O que levamos á xunta hoxe foi a aceptación dos terreos cedidos polos cidadáns para a ampliación da estrada. Agora sairá a obra a licitación e será unha gran humanización do rural", adianta o alcalde.

Tamén realizaron a adxudicación da estrada provincial, a rúa Emilia Pardo Bazán entre Gran Vía e Arquitecto Palacios, por un importe de case 3 millóns de euros, 2.890.000 euros. "Optaron 24 empresas e xa está adxudicada. Ten un prazo de execución de 12 meses e contará tamén con xogos infantís e parques biosaudables para maiores", describiu o rexedor, que apunta que esta obra é parte dos convenios entre Concello e Deputación.