Escoitar

Vigo en Festas programa outras dúas xornadas de concertos infantís en Castrelos

Abel Caballero avanzou este luns novas actividades musicais no Auditorio de Castrelos dentro do programa Vigo en Festas 2018. Trátase do "Rock en Familia", con tres bandas tributos a Bon Jovi, Ramones y Bruce Springsteen, e o espectáculo ‘Los Mundos de Peppa Pig y Ben&Holly’, que se suman aos "Cantajuegos" xa anunciados.

luns, 2 xul 2018
O programa Vigo en Festas 2018 sumou este luns dous novos concertos dedicado ao público infantil e xuvenil no Auditorio de Castrelos. Segundo informou o alcalde en rolda de prensa, as novas actividades serán "Rock en Familia" e "Peppa Pig", ademais dos "Cantajuegos" xa incluídos na programación.

Abel Caballero sinalou que o 3 de agosto (20:00 horas) celebrarase a actuación "Rock en Familia", con tres bandas tributo de Bon Jovi (co grupo Arma Joven), Ramones (Ramoñas) e Bruce Springsteen (Bruce Brothers). O día 7 de agosto (20:00 horas) será o momento para o teatro musical con "Los Mundos de Peppa Pig y Ben&Holly", unha actuación con persoaxes que interpretan cancións e coreografías orixinais.

Ademais, a xa anunciada actuación de "Cantajuegos" será o sábado 4 de agosto (20:00 horas) co seu novo espectáculo "Yo tengo derecho a jugar" - Tour 2018".

Ademais, segundo recordou o alcalde, Little Steven abrirá os concertos o 12 de xullo, seguido por Serrat o 21, Maná o 23, Dorian e Zoe o 27 de xullo e agora tamén a Coral Casablaca o 28 do nomeado mes. Xullo conclúe co espectáculo de Morat o día 31. Para agosto, o Concello ten pechada a presenza de Raphael o día 2 e de Juanes o día 8, ademais da actuación exclusiva para Vigo de cinco representantes de OT, Aitana, Ana Guerra, Cepeda, Miriam e Roi, o día 10 de agosto.