Escoitar

Manel Fernández define a Nocturna de San Xoán como a proba "máis simpática e divertida do Run Run Vigo"

O concelleiro de Deportes presentou hoxe a Nocturna de San Xoán (sábado 23, 21,00 horas), a proba máis histórica do Circuíto Run Run Vigo de carreiras populares e que pertence a esta selecta serie de eventos urbanos dende que o Concello a creou. Fernández asegurou que a de San Xoán "é unha das de máis tradición de Vigo" (naceu en 1984) e cualificouna de carreira "simpática, alegre, divertida e moi participativa", pois é a primeira do verán que patrocina a Concellería de Deportes.<br />

martes, 19 xuñ 2018
1529423566nocturna.JPG
Cuns 380 inscritos á hora da presentación do evento (o peche de inscricións producirase a noite do xoves), a organización estima que serán uns 700 atletas en liña de saída, aínda que recoñecen que lles gustaría superar os 800 (a cota máxima rexistrada en anteriores edicións) e que soñan "con chegar ao milleiro", lembra Eleuterio García, presidente da Agrupación Viguesa de Atletismo, o club organizador. "Os atletas inscríbense a última hora", din.

O edil explicou que é esta a quinta carreira do Run Run Vigo (componse de oito citas) e pecha o primeiro semestre atlético do 2018. "Haberá moitos atletas que se disputan o circuíto, casos de Ester Navarrete e Rubén Pérez, que lideran a clasificación F-1 e M-1, respectivamente, ou de Daniel Bargiela. Gonzalo Basconcelo e Ester Navarrete defenderán o título de 2017 e, no caso da viguesa, intentará lograr a súa cuarta vitoria consecutiva: manda dende 2015.

Tanto García como José Luís Domínguez, secretario xeral da AVA, apuntaron que esta nocturna, de 7,7 quilómetros que ten o seu inicio no Concello dende a súa terceira edición, "é a única con inicio e final en puntos diferentes, o Concello e O Berbés, orixe de Vigo, e é un día especial porque o tempo adoita acompañar e remátase coa Fogueira de San Xoán", apuntou Domínguez.

O Concello envórcase co evento, e a loxística está asegurada: duchas no polideportivo do Berbés e aparcamento no porto pesqueiro. A organización aportará 280 quilos de sardinas para repartir entre os participantes.

Á presentación no Concello acudiron, ademais do responsable político do deporte local, Manel Fernández, García e Domínguez e o vicepresidente do club, Jesús Martínez, xunto a Rodolfo Comesaña, hexacampeón da carreira.

É este o evento atlético menos esixente dos programados en Vigo polo tipo de percorrido, moi suave. Nos últimos anos, ademais, eliminouse a saída en subida dende o Paseo de Granada para facela no inicio de Camelias, ante a Praza do Bicentenario.

O gañador, home e muller, da clasificación xeral, recibirá un xamón. E unha paletilla o vencedor de cada unha das catro categorías por grupos de idade, masculina e feminina. 

O percorrido: Camelias, Romil, Pi i Margall, López Mora, Bar Boo, rúa Coruña, Tomás A. Alonso, Paulino Freire, Beiramar e final ante os soportais da Praza do Berbés.
Descargar todas as imaxes