Escoitar

O Concello investirá máis de 3 millóns de euros en 73 asfaltados en todas as parroquias de Vigo

David Regades presentou esta mañá o "ambicioso" plan de humanizacións e asfaltados que o Goberno local vai acometer ata o ano 2019. Trátase, explicou, de 73 actuacións diseminadas por todas as parroquias da cidade que ascenderán a máis de 3 millóns de euros.

martes, 17 abr 2018
1523969287concelleiro.jpg
O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, David Regades, deu conta esta mañá dun "ambicioso" plan de humanizacións e asfaltados no rural que prevé 73 actuacións en todas as parroquias da cidade. Tal e como explicou, estes traballos se desenvolverán ata 2019 e contan cun orzamento superior aos tres millóns de euros. Este programa é unha mostra da vontade do Goberno local de buscar un Vigo igualitario con melloras importantes no casco urbano e no rural.

Na rolda de prensa, Regades detallou todas as actuacións, parroquia a parroquia, comezando por Saiáns (aglomerado de Baixada á Praia e asfaltado de Camiño Pinar); Oia (asfaltados de Cesáreo Vázquez e Igrexa Roteas); Coruxo (asfaltado de Río Barxa e asfaltado e humanización de José Rivas); Comesaña (acceso á VG20 desde a Florida); Valladares (asfaltados de Pinguela, estrada Costa e Zondal e actuacións de humanización en Camiño Laranxo, Camiño Pomba e na Estrada Freixo); Zamáns (asfaltado de Estrada Vilaverde); Beade (humanizacións da Estrada da Venda, Costa da Gándara, Clara Campoamor e Camiño Brea, e asfaltados de rúa Cabada, rúa Balde, Camiño Barreira, rúa Babio, ademais da reforma da antiga estrada provincial, que non está neste plan e que prevé soterrar subministros, a construción de novas beirarrúas e a ampliación do vial -grazas á cesión dos veciños-, o que permitirá circular o autobús urbano); Bembrive (asfaltado na rúa Segade); Cabral (humanización das rúas Becerreira, Caeiro, Figueiras e Praza da Feira, e asfaltados en Figueiras, Fontaíñas de Arriba e do Camiño Chamuscada); Candeán (humanización do Camiño Laxes); Lavadores (humanización de Subride, Cantabria, Areeiro, Rosal Florido, Bagunda e Curros, e asfaltados en Camiño de Pombal, rúa Santa Cristina, Camiño Sabaxáns, rúa Pardavila, Camiño Vello, rúa Portellas e rúa Naia); Sárdoma (humanización da Subida a Relfas e asfaltado do Camiño Riobóo); Castrelos (humanización da rúa Galindra, asfaltado da rúa Cruceiro e Camiño Corredoira, no que xa se acometeron traballos de subministros, ademais de renovar beirarrúas e luminarias); Matamá (humanización de Estrada Balsa e rúa Abade Juan Bastos e asfaltados de Camiño Carrazóns, Manuel Cominges, Abade Juan Bastos e rúa Parada); San Andrés de Comesaña (vaise continuar coa actuación no Camiño Rial -a primeira fase, a que une con Baiona xa está feita); Navia (ademais da actuación na Avenida de Europa, se actuará no entorno da Alameda da parte histórica de Navia, cunha beirarrúa que unirá coa zona de Molinos) e, por último, outra parroquia que mestura zona urbana e rural, Alcabre (asfaltado de Camiño Fontes e Camiño Tourido e humanizacións do Camiño Barralleiro e Avenida Atlántida).



Mantemento
O responsable de Fomento tamén explicou o protocolo de seguimento que fai o Concello das actuacións de reparación que se desenvolven nas distintas zonas da cidade, con catro cuadrillas traballando de xeito permanente (dúas no casco urbano e outras dúas nu rural). En rolda de prensa, amosou un modelo de informe que semanalmente realizan técnicos municipais detallando as actuacións que se realizan (aglomerados, reparacións...), cronogramas, materiais e tempo de reparación. O informe inclúe, asi mesmo, fotografías do antes e do despois das zonas nas que se actúa.


Descargar todas as imaxes