Escoitar

As obras de reforma da grada de Río de Balaídos estarán finalizadas no mes de marzo

O alcalde adiantou que a apertura do tráfico na Avenida de Citroën será a mediados de marzo e que valoran abrir antes un carril. Ademais, o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuales deu a razón ao Concello e desestimou o recurso do Colexio de Arquitectos de Galicia contra a licitación do proxecto de Marcador, Gol e o novo aparcamento.

martes, 20 feb 2018
O Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais desestimou o recurso interposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia impugnando a licitación para a contratación da redacción do proxecto de Gol, Marcador e o aparcamento subterráneo do novo Balaídos.

Así o anunciou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, este martes durante a súa rolda de prensa ante os medios de comunicación. O rexedor congratulouse polo fallo que permite retomar o proxecto e abrir as plicas para concluír a reforma do Estadio Municipal de Balaídos. "Outra vez o Concello de Vigo ten razón, gañamos todos os recursos ante o Tribunal Administrativo e o único que perdemos, o de Parques e Xardíns, un xuíz revocouno", asegurou.

En canto á remodelación da grada de Río, a obra completa concluirá a finais de marzo, polo que a apertura ao tráfico da Avenida de Citroën, á altura do estadio, producirase a mediados de marzo. "Estamos a valorar abrir un carril de circulación de forma inmediata", engadiu Caballero.

Sen concertos en Balaídos
O alcalde tamén sinalou que non haberá concertos de música en Balaídos ata que acaben as obras. "Este ano os concertos serán todos gratis, o primeira gran actuación no estadio será cando estea todo rematado, ata entón non haberá ningún", explicou.

Abel Caballero lembrou os dous concertos xa pechados e anunciados para o Auditorio de Castrelos o vindeiro verán e sinalou que o obxectivo é que ningunha actuación musical será de pago. "Haberá un criterio moi importante, quero concertos en Vigo gratis", dixo.