Escoitar

O goberno de Vigo traballa na desestacionalización do aeroporto e prevé unha ruta a Londres todo o ano

Tras sumar un 11,2% máis de viaxeiros en xaneiro sobre o mesmo mes de 2017, Caballero avogou este martes por continuar reforzando o aeroporto e ultima unha licitación para abrir unha ruta todo o ano a Londres, reforzar París e renovar Valencia e Sevilla. Ademais, o alcalde demandou á Xunta un bus directo a Peinador como o que paga entre Santiago e Lavacolla.

martes, 20 feb 2018
1519136092bus.jpeg
Abel Caballero recordou que o aeroporto de Vigo achégase aos 1,1 millóns de pasaxeiros nos últimos doce meses. Xaneiro deixou en Peinador máis de 68.000 viaxeiros, un 11,2% máis que no mesmo mes do pasado ano.

O goberno de Vigo continuará reforzando a terminal viguesa, desta volta apostando por desestacionalizar a oferta de rutas. Así, tal e como apuntou Caballero, o Concello ultima as bases e tramitación para licitar a apertura dunha ruta entre Vigo e Londres todo o ano, ademais de reforzar a conexión con París, renovar e reforzar o voo a Valencia e tamén o de Sevilla.

O impulso ao aeroporto vigués, reiterou Abel Caballero, procede do "esforzo" exclusivo do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra, mentres que a Xunta de Galicia si subvenciona rutas en Santiago de Compostela.

Sobre os apoios da Xunta de Galicia en Santiago, o alcalde recordou que a administración autonómica sufraga con 340.000 euros anuais un autobús directo entre a capital e o seu aeroporto, mentres que o Concello de Vigo agarda resposta desde setembro de 2016 ao convenio acordado para prestar un servizo similar na cidade olívica. Engadiu o rexedor que o acordo acadado por Concello e Xunta pasaba por unha liña de autobús directa desde Vigo ao aeroporto subvencionada con 260.000 euros no 2017.

"Pasou ano e medio e non sabemos nada", censurou Abel Caballero, quen abondou no "sarcasmo" de que o autobús subvencionado de Santiago a Lavacolla estea rotulado como "aeroportos de Galicia". "¿Onde está o de Vigo?", preguntouse o alcalde: "¿ou é que Feijóo por 'aeroportos de Galicia' entende o de Santiago? Debe ser", concluíu.
Descargar todas as imaxes