Escoitar

O Concello aproba unha partida de 1 millón de euros para o plan de Fomento de Emprego a entidades

O alcalde destacou este xoves o esforzo do goberno local en políticas sociais co programa destinado a organizacións sen ánimo de lucro. A Xunta de Goberno tamén aprobou a humanización dun treito da Avenida Ramón Nieto.

xoves, 11 xan 2018
A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este xoves as bases reguladoras para a convocatoria de subvencións para o fomento de emprego de entidades sen ánimo de lucro. O alcalde apuntou que a partida orzamentaria é de 1 millón de euros e poden acollerse a actuacións xa celebradas ou pendentes de levar a cabo entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2018.

O programa de axudas do plan de emprego está destinado a entidades veciñais, sociais, asistenciais, sindicatos, entidades empresariais, comunidades de montes e entidades deportivas. Segundo informou Caballero, a súa finalidade e fomentar o emprego para reforzar a capacidade de auto organización e fortalecer o tecido social e o benestar social da cidadanía.

"Grazas a este plan, en 2017 un total de 25 persoas traballaron durante todo o ano na limpeza dos montes de Vigo, e grazas a iso o pavoroso incendio de outubro tivo menos alcance", apuntou o rexedor.

O alcalde tamén indicou que a Xunta de Goberno Local celebrada este xoves tivo "un contido social intenso e inmenso" ao dar o visto e prace tamén ao programa de teleasistencia (93.000 euros) e á asignación do cheque social (1,6 millóns). "Son un total de 3,5 millóns de euros destinadas a políticas sociais en Vigo", afirmou.

Humanización Ramón Nieto
Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou encomenda a Aqualia para a redacción do proxecto técnico das obras de mellora da rede de abastecemento na Avenida Ramón Nieto, marxe impar, desde o número 245 ata a rúa Subride.