Escoitar

Caballero reclama á Xunta a "urxente" substitución das conducións de auga do Ceip Ría de Vigo

O mal estado das conducións é a causa pola que a auga das billas do Ceip Ría de Vigo é de peor calidade que a entra no centro educativo, segundo indica un informe municipal que o rexedor enviará ao conselleiro de Educación para que substitúan as tubaxes de forma inmediata.

mércores, 10 xan 2018
1515593739agua.jpg
O Concello esixe á Xunta a inmediata substitución das conducións do Ceip Ría de Vigo unha vez que técnicos municipais realizaran unha revisión que conclúe que o empeoramento da calidade da auga dentro do colexio se debe aos desprendementos das capas interiores das conducións. Este colexio foi construído en 1976 e desde entón fóronse realizando "parches" pero, tal e como asegura o informe, a solución nestes momentos pasa pola substitución das tubaxes, unha competencia exclusiva da Xunta.

O Concello está a realizar revisións das conducións dos centros públicos de Vigo dado que a calidade da auga da entrada non é a mesma que a das billas, tal e como se comprobou no Ría de Vigo. Dada esta situación, Caballero avanzou que enviará á Consellería de Educación este informe para que actúen coa máxima dilixencia e lembrou que o Concello xa obrigou á Xunta a renovar as tubaxes dos centros educativos de Balaídos e Josefa Alonso (Matamá), en 2011 e 2013, respectivamente.

Por outra banda, o rexedor reiterou que a auga en todo Vigo é potable 100%, como sempre, e indicou que nas zonas próximas á ETAP, as analíticas determinan que o ferro está por debaixo de 200 ppb o que demostra unha "óptima" calidade do subministro.
Descargar todas as imaxes