Escoitar

O goberno de Vigo valida a convocatoria de axudas antidesafiuzamentos por 1,6 millóns

Abel Caballero informou hoxe xoves da aprobación das bases e convocatoria do coñecido como cheque social, 1.640.000 euros en axudas para pagos de vivenda, enerxía e alimentación para familias con escasos recursos. O Concello aumenta este ano por enriba dos 2,5 millóns as axudas antidesafiuzamentos.

xoves, 11 xan 2018
O alcalde, que puxo en valor que este programa estea xa aprobado a once de xaneiro, explicou que esta convocatoria reserva 1.640.000 euros para axudas ás familias con menos recursos para pagos de vivenda, alimentación e subministros enerxéticos. Esta iniciativa forma parte dos 2.532.000 euros que adica o Concello este ano ao efecto, partida que se incrementa este ano con respecto aos 2,4 millóns de 2017.

Segundo estipulan as bases, os solicitantes deben estar empadroados en Vigo durante alomenos tres anos e cumprir cos requisitos de renda esixidos. Os interesados poden presentar a súa petición no rexistro municipal nos vinte días hábiles tras a publicación oficial da convocatoria, que será resolta e notificada en tres meses, tal e como anotou Caballero.

Na convocatoria do pasado ano, o goberno de Vigo concedeu 1.947 axudas económicas para pago de alimenos, outras 1.898 para abonar gastos de enerxía nas vivendas e 1.454 para alugueres e hipotecas.

Abel Caballero comparou os máis de 2,5 millóns de euros que Vigo destina ás axudas antidesafiuzamentos cos 100.000 euros da Coruña ou os "cero euros" doutras urbes galegas como Ourense, Santiago e Ferrol. Así, o rexedor vigués conclúe que "somos o concello con máis política social de España".

Teleasistencia
Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local, o goberno vigués deu luz verde á clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- do servizo de teleasistencia domiciliaria. Segundo recordou o alcalde, o Concello reserva máis de 93.000 euros para un contrato dun ano no que se ofrece apoio domiciliario ás persoas maiores, as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Caballero ofreceu algúns datos sobre este servizo municipal, do que actualmente se benefician 550 persoas, das que 448 son maiores de 80 anos e 501, mulleres. Así, o perfil medio do usuario é unha muller de máis de 80 anos que vive soa no seu domicilio.