Escoitar

Vigo asumirá o financiamento do transvase de auga a Eiras desde o río Verdugo

O Concello quere que se adopte a solución "máis rápida" das dúas alternativas propostas pola Xunta de Galicia hoxe para trasladar auga da conca á presa que abastece a Vigo e a súa área. Ademais a Xunta comprométese a reducir o caudal ecolóxico en canto realice os informes pertinentes.

venres, 24 nov 2017
Abel Caballero deu conta na tarde deste venres da reunión mantida pola mañá entre Augas de Galicia e os concellos que se abastecen da presa de Eiras. Segundo explicou, a Xunta dixo estar en condicións de reducir o caudal ecolóxico do encoro porque "se dan as circunstancias", previa realización dos estudos pertinentes, "o luns ou o martes", un extremo que criticou o rexedor pola urxencia de tomar esa decisión.

Sobre as medidas de urxencia para atallar a seca, Caballero sinalou que a proposta do azud que viña defendendo non parte de Vigo senón da Xunta de Galicia no ano 2011, xa que a cidade propoñía outra solución provisional. En todo caso, Augas de Galicia rexeita esta vía e propón dúas alternativas: o uso de dous saltos hidroeléctricos no curso do río Verdugo transvasando a auga mediante bombeo cunha condución de 4,5 quilómetros ou de 6 quilómetros. Sobre estas dúas opcións debe elixirse unha e Vigo quere que sexa "a máis rápida porque o que queremos é auga. Queremos a que sexa inmediata".

En canto ao financiamento dese transvase, o rexedor afirmou "taxativamente que por ausencia de recursos non vai ser e o Concello está disposto a asumir o custo e suplir a ausencia de outras administracións, a clamorosa ausencia da Xunta de Galicia". Así, Vigo financiará esa tubaxe e o custo da súa instalacións porque ·non queremos ningunha desculpa para non quedar sen auga".

Con estes dous acordos sobre a mesa: a baixada do caudal ecolóxico e a busca da mellor solución para o transvasamento de auga desde o río Verdugo, o rexedor vigués urxiu á Xunta a dar unha solución, polo que Augas de Galicia se comprometeu a enviar a información das dúas propostas técnicas na tarde deste venres co tempo de realización da obra e o custo e tamén asume a convocatoria dunha reunión para o vindeiro luns ou martes.

Segundo informou Caballero, no encoro de Eiras entran nestes momentos 900 litros de auga por segundo, un caudal baixo para a época pero máis alto que nas xornadas pasadas e a orde da Xunta de hoxe establece que sexan 665 l/s os que deben dirixirse ao mar, 70 litros máis ca onte xoves. Reiterou que Augas de Galicia "tivo sempre toda a información" sobre os consumos e o aforro de auga en Vigo, que situou nun total dun 25%, datos que figuran no informe remitido polo goberno municipal que foi enviado en tempo e forma. Amais asegurou que Augas de Galicia sabe en tempo real o estado da presa de Eiras porque está monitorizada.