Escoitar

O alcalde convida á cidade a gozar do acendido das luces de Nadal este sábado ás 19 horas

A previsión de choiva obriga ao Concello a adiar o acto que estaba programado inicialmente para o venres na Porta do Sol. Con motivo do acto e do Black Friday deste venres, a cidade reforza o servizo de transporte urbano.

xoves, 23 nov 2017
Abel Caballero deu conta hoxe do adiamento do acto de prendido da iluminación de Nadal da cidade ao sábado ás 19 horas na Porta do Sol ante a ameaza da "benvida choiva". Inicialmente ía celebrarse o venres á mesma hora.

O rexedor convidou a "toda a cidade a vir ao acto e gozar" e lembrou que se vai reforzar o servizo de autobús urbano tanto mañá venres, coincidindo co Black Friday, como o sábado para facilitar os desprazamentos no centro.

Así, mañá venres 24 ante a xornada comercial do Black Friday, amplíanse os horarios das liñas C1 e C2. A C1 prolongará o seu funcionamento ata as 23:30h e a liña C2 ata as 23:20h, así será posible facer transbordo coas liñas nocturnas N1 e N2 no seu horario habitual.