Escoitar

O Concello contrata os proxectos das gradas de Gol e Marcador e do aparcamento de Balaídos

O rexedor explicou que as cubertas destas dúas gradas así como as de Río e Tribuna medrarán ata cubrir os asentos evitando que a choiva molle ao público. Os proxectos ascenden a 900.000 euros e investimento municipal e da Deputación en Balaídos suma case 13 millóns de euros.

luns, 20 nov 2017
A Xunta de Goberno Local dará luz verde ao expediente de contratación para a redacción do proxecto básico e de execución das obras de Gol, Marcador e do aparcamento subterráneo de Balaídos que permitirá crear mil prazas fronte a Tribuna. A contratación destes tres proxectos ten un importe de 900.000 euros aos que se suman 350.000 para a licitación da renovación dos asentos da grada de río Baixo.

Segundo explicou o rexedor, con estes proxectos quedará acabada a obra e a reforma do estadio municipal medrando as cubertas de Marcador e Gol ata chegar á grada grande e prolongándose a cuberta de Río e de Tribuna ata ben entrado o campo de fútbol co obxectivo de parar o impacto da choiva sobre os espectadores. Amais, avanzou que haberá un ascensor na grada de Río.

Abel Caballero cualificou este paso como unha "gran noticia para a cidade porque pon de relevo que estamos facendo un campo de fútbol excepcional" ao que o Concello e Deputación lle teñen dedicado case 13 millóns de euros, o Celta 900.000 e a Xunta de Galicia cero euros e referiuse ao "campo excepcional" que quedará cando remate a obra.

Unha vez realizados os proxectos técnicos e completado o informe económico que se encargará a continuación, o Concello estará en disposición de abrir o proceso de concesión do estadio municipal de Balaídos, segundo sinalou Caballero.