Escoitar

O Concello adxudica a construción do "macroparque infantil" de Venezuela, de 1.000 m2

O alcalde anunciou este venres a adxudicación das obras, para as que o goberno vigués reserva 767.000 euros. Este novo "marcoparque infantil" gañará espazo coa supresión do terceiro carril de circulación de Venezuela e "porosidade" con dous pasos de peóns ante o recinto.

venres, 17 nov 2017
En rolda de prensa, Caballero destacou que a adxudicataria reduce a dous meses o prazo de execución das obras e amplía a dez anos a garantía dos xogos instalados no futuro "macroparque infantil" de Venezuela, que será ampliado ata os mil metros cadrados de superficie.

O rexedor explicou que a actuación suporá a retirada do pavimento actual e a instalación de caucho protector e supoñerá ademais a instalación dunha xardineira fronte ao parque. A obra inclúe o cambio do entorno, pois a ampliación do tamaño do recinto infantil implicará a supresión do terceiro carril de Venezuela -o máis próximo ao parque actual-, espazo que será ocupado pola fila de estacionamentos.

Destacou Caballero que, á altura do parque, o Concello instalará dous grandes pasos de peóns con doce balizas luminosas, nos laterais de entrada e saída do aparcamento, co que Venezuela gañará en "porosidade".

Skate en Navia
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente de contratación das obras de construción dun parque de skateboard, BMX e Roller Vert Wall no parque de Navia, segundo revelou este venres Abel Caballero.

O Concello reserva 300.000 euros para esta obra, que se emprazará no cruce de Pedra Seixa e Limpiño, na parque alta do parque de Navia. A instalación dará cabida á práctica do Roller, Skate e do BMX con aproximadamente 2.000 metros cadrados de superficie total.

Xunto ao de Navia, o goberno vigués está ultimando o parque de Skate de Barreiro, en Lavadores, e agarda polos informes de Patrimonio da Xunta de Galicia para acometer a remodelación da pista do Castro.

Cabalgata
Caballero informou doutros dous asuntos aprobados pola Xunta de Goberno Local e relativos á Cabalgata do próximo 5 de xaneiro. O goberno vigués aprobou as bases de participación do concurso "Vente cos Reis Magos", polo que 36 nenos e nenas, por sorteo, poderán acompañar ás súas maxestades nas carrozas reais dentro da comitiva real. A convocatoria está aberta para os nacidos entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2009.

En segundo lugar, o goberno vigués acordou a clasificación de ofertas para a contratación do deseño e produción de cinco carrozas para a Cabalgata de Reis, por importe de 60.000 euros. Avanzou o rexedor que a temática proposta é "Contos infantís" e que cada carroza terá espazo para 15 nenos/as.