Escoitar

O alcalde anuncia o desbloqueo dunha parte "importantísma" do urbanismo coa aplicación da Lei 2/2017

O rexedor avanzou esta mañá o desbloqueo "pola vía dos feitos" dunha parte moi importante do urbanismo da cidade, acolléndose á tramitación da Lei 2/2017. Concretamente, solicitarase a recuperación da ordenación do Plan do 2008 para os ámbito terciario de Recaré, así como para todo o solo urbano consolidado ademais de para ámbitos do Porto de Vigo, de Canido e do aeroporto e para solos urbanos non consolidados que están en avanzado estado de desenvolvemento como é o caso de Esturáns ou Tomás Paredes.

luns, 13 nov 2017
O Concello solicitou a recuperación da ordenación recollida no Plan de 2008 para o ámbito de Recaré -na Avenida de Madrid- acolléndose á tramitación da lei 2/2017 de Medidas Fiscais, Administrativas e de Ordenación. O goberno local remitirá esta petición á Xunta logo da súa aprobación na Xerencia de Urbanismo alegando que se trata dun solo de ámbito terciario no que a ordenación de 2008 é máis razoable que a proposta no 93, co que entendemos que se trata dunha mellora social para a cidade. Inclúe ademais, segundo explicou o rexedor, unha mellora no sistema xeral que é autovía de O Porriño, incorporando un novo enlace con esta vía.

Esta actuación é adicional ao proceso que o Concello xa ten iniciado a través do mesmo mecanismo para recuperar o Plan de 2008 para todo o solo urbano consolidado que non se podía desenvolver por ausencia de Plan Xeral-o que supón 1/3 do chan edificable da cidade-; ámbitos do Porto de Vigo, de Canido e do aeroporto, así como solos urbanos non consolidados que están en avanzado estado de desenvolvemento como Tomás Paredes ou Esturáns.

Deste xeito, desbloquearanse unha parte "importantísima" do urbanismo da cidade, con 23 millóns de m2 de solo para edificar o que supón na práctica o desbloqueo case total do urbanismo de Vigo "ao dar vía libre a todo o que se pode edificar en moitos anos". Nestes momentos, estamos terminando de elaborar o documento de aprobación inicial que, previamente, remitiremos aos organismos competencia do Estado para informe sectorial (Carreteras do Estado, Navegación Aérea, Aguas y Costas).

Licencia Cluny
O rexedor tamén avanzou que a concelleira de Urbanismo asinou a licenza de primeira ocupación do edificio destinado a residencia de persoas maiores en Gran Vía 10 (no antigo edificio Cluny). Trátase dunha planta semisoto para aparcamento e instalacións, planta baixa e catro plantas altas para uso dotacional asistencial e cuberta para instalacións. O orzamento de execución ascendeu a 3,3 millóns para unha superficie construída de 5.900 m2.