Escoitar

O Concello inviste 54,7 millóns de euros en obras para este ano e o próximo

Abel Caballero deu conta hoxe das obras que se están acometendo neste 2017, por valor de 11,8 millóns de euros, e das previstas para 2018 que supoñen a "transformación da cidade e a xeración de emprego" nun contexto de débeda cero, superávit e pronto pagamento.

venres, 10 nov 2017
O rexedor valora a "aceleración na humanización da cidade e o importantísimo plan de emprego keynesiano" que supoñen estes investimentos municipais porque, apunta, en cada obra hai entre 10 e 30 traballadores que reciben o seu salario en base a estas obras. Desta maneira, "transformamos a cidade e xeramos emprego, como levamos facendo estes anos" e engadiu que os proxectos se realizan con débeda cero, superávit, pronto pago e cumprindo os obxectivos de acordo cos parámetros de España e de Europa, ao contrario, dixo, do que sucede noutras cidades galegas que non teñen orzamento. En Vigo, o presuposto quedará aprobado no Pleno da vindeira semana.

Para Caballero, os 54,7 millóns de euros dedicados a obras na cidade supoñen superar as cifras do coñecido Plan E que foi "a época de maior investimento en todos os municipios de España", dentro dun orzamento "excepcional" que acada dos 256 millóns de euros e que "amosa a nosa capacidade".

O alcalde expuxo o listado de obras que están en marcha en Vigo cun valor de 11,8 millóns de euros: a cuberta de Río do Estadio de Balaídos, o aparcamento público municipal do Hospital Álvaro Cunqueiro, a escaleira mecánica Abeleira Menéndez -dentro do proxecto "Vigo Vertical", estratexia EDUSI, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea-, as humanizacións das rúas Bueu, García Lorca, Corredoura en Castrelos e Avenida de Galicia en Teis, os asfaltados nas parroquias, a mellora da seguridade da Avenida da Ponte (Cabral), a accesibilidade peonil da rotonda da Avenida de Europa e o muro de Pardiñeiros de Abaixo en Lavadores.

En 2018 o Concello acometerá os seguintes proxectos: a humanización Canceleiro, entre García Barbón e Rosalía de Castro, os ascensores de San Salvador e Juan Ramón Jiménez -dentro do proxecto Vigo Vertical, estratexia EDUSI, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea-, a mellora do entorno da Escola de Música de Beade, o pavimento de García Olloqui e a Praza de Compostela, a humanización de Marqués de Valterra, da rúa Colombia, Fátima, María Berdiales -entre Gran Vía e Hernán Cortés-, Purificación Saavedra, Camilo José Cela, José Frau -entre López Mora e Álvaro Cunqueiro-, Vía Norte -entre Escultor Gregorio Fernández e Urzáiz-, Sanjurjo Badía co Barrio das Flores, a Avenida Atlántida, Álvaro Cunqueiro, o Carril bici Teis-Samil, a humanización da estrada provincial Emilia Pardo Bazán, a es do Porto Beade-Valladares e os proxectos de humanización da Porta do Sol e da Gran Vía entre Urzáiz e a Praza España -dentro do proxecto "Vigo Vertical", estratexia EDUSI, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea-.

Asociación Cultural Vertixe
A Xunta de Goberno Local aprobou a subvención de 7.000 euros, mediante convenio de colaboración, coa Asociación Cultural Vertixe para a organización do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea 2017.