Escoitar

O Concello urxe medidas de seguridade á propiedade dos inmobles que arderon en López de Neira

Os propietarios dos dous edificios que arderon esta fin de semana teñen seis días naturais para adoptar medidas urxentes de seguridade, explicou este mércores Caballero, quen engadiu que, de incumprirse, están apercibidos de sancións de ata 10.000 euros trimestrais.

mércores, 20 set 2017
O Concello de Vigo, a través da Xerencia de Urbanismo, ditou este mércores sendas resolucións relativas aos números 38 e 40 de López de Neira, edificios que arderon esta fin de semana, esixindo a adopción de medidas de seguridade urxentes nun prazo máximo de seis días naturais.

Así o comunicou esta mañá o alcalde, quen detallou que, no caso do inmoble de López de Neira 38, se ordena á propiedade a revisión das medidas de seguridade esixidas xa no 2016, como son a colocación de zapatas de formigón armado e estrutura metálica para asegurar a estabilidade das fachadas posterior e á vía pública, o tapiado dos ocos das fachadas, a colocación dunha viseira metálica de protección nas dúas fachadas, o desbroce e limpeza da parcela na fachada posterior e o peche, tapiado de portas e acceso ao interior do inmoble e ao edificio.

Neste mesmo inmoble, o Concello de Vigo ordena medidas de seguridade adicionais, como o valado, a desmontaxe ou retirada dos elementos con risco de caída e a realización de traballos para evitar a entrada de auga nas fincas anexas.

En López de Neira 40, sobre o que xa se declarara a ruína no ano 2014, o Concello tamén require a revisión e actualización das medidas urxentes de seguridade solicitadas no citado ano, como é fixar á fachada unha marquesiña realizada con perfís metálicos. Ademais, o goberno vigués ordena novas medidas de seguridade a adoptar, como o valado, a desmontaxe ou retirada dos elementos con risco de caída e a realización de traballos para evitar a entrada de auga nas fincas anexas, asegurar a estabilidade das fachadas e medianeiras, e evitar o acceso á edificación mediante o tapiado de todos os ocos das fachadas.

Para ambos casos, segundo reiterou Caballero esta mañá, o Concello concede un prazo de seis días naturais para a adopción das nomeadas medidas urxentes de seguridade, e apercibe á propiedade, no caso de incumprimento, con multas coercitivas que poden chegar ata os 10.000 euros, reiterables trimestralmente, e coa execución subsidiaria destas con cargo á propiedade.