Escoitar

A Concellería de Montes, Parques e Xardíns adecúa o bordo litoral da cidade

En tódalas praias, dende Teis ata Canido, realízase unha limpeza sistemática de area e recollida de entullos, ademais de efectuar obras de axardinamento e adecuación en areais do litoral vigués.

luns, 17 mar 2003
1047908606paseo6.jpg
Paseo da Mourisca
Tamén se realiza, en tódalas praias de Vigo, un programa de inspección do litoral mediante prospeccións submariñas e recollida de mostras de area a 80 cm para comprobar se hai restos de fuel.

Teis

En tódalas praias de Teis estase efectuando unha limpeza xeral recollendo lixo, sobre todo, entre as rochas. Recóllense mostras de area para a súa posterior análise. Nas praias de Cacharela e Mende recolleuse unha gran cantidade de bolsas de plástico.

Na praia da Punta reparáronse bebedoiros e fontes e repuxéronse papeleiras. Durante este proceso de limpeza da praia encontrouse unha gaivota morta que tiña manchas de fuel. Nesta praia realizouse a inspección submariña ata 12 m de profundidade para comprobar se había restos de fuel.

As praias da Lagoa e Manquiña están impactadas pola industria alí existente, as rochas e os diques artificiais estaban cheos de paos e demais entullos. Nunha destas praias encontrouse un colector con restos de fuel, caído dalgún barco, que foi retirado. Ademais, mandouse a inspección para que analice a zona xa que parece que hai un vertido de aceite.

Bouzas

En Bouzas realizouse unha limpeza xeral a través da recollida de entullos, ademais da recollida de mostras da area. Na praia de Fontoura estase acondicionando un paseo como continuación do existente nas proximidades da igrexa. Créase unha rampa de acceso á praia cuns muretes de suxeición ademais de facer unhas escaleiras. Procedeuse á coroación do muro, acondicionando o paseo con xabre compactado para darlle continuidade á praia de Carril.

Alcabre

Na praia de Carril ademais da limpeza xeral e do acondicionamento do bordo litoral prevese a formación dun aparcamento, de aproximadamente 2.000 m2, que se atopa na rúa da igrexa. Este aparcamento dará servicio ás praias de Carril e Santa Baia.

Por outra banda, preténdese a adecuación do entorno próximo mediante o axardinamento do espacio exterior co fin de integrar o aparcamento dentro do ámbito no que se atopa. Actualmente repáranse os muros e vanse facer dúas rampas de pedra de acceso peonil á area.

O paseo da praia de Carril continúa, a través dunha carballeira, cara o paseo do borde da praia de Santa Baia onde actualmente operarios do departamento de Montes, Parques e Xardíns están axardinando unha superficie de terreo de 19.349 m2 no bordo litoral da praia. Esta obra cumprimenta as numerosas demandas dos cidadáns como área de disfrute e recreo. O espacio estructúrase en zona de pradeira, paseo bordo litoral e zonas de estancia.

O paseo da praia de Santa Baia emboca, a través do camiño do Borralleiro, no Museo do Mar en Alcabre, ata finalmente chegar á praia da Mourisca. Nesta praia existe un dique natural de rochas que divide o areal en dúas partes. As características do areal fan que, entre mareas e co obxecto de aproveitar a máxima superficie de area, os usuarios se despracen dun lado a outro, a través das rochas por un sendeiro practicamente intransitable, con desniveis bruscos. Por isto a Concellería de Montes, Parques e Xardíns construiu un paseo pilotado, de 77 metros de lonxitude, en madeira tratada e ancorado nas rochas, comunicando así a praia da Mourisca coa praia dos Olmos.

Coruxo

No areal da Fontaíña realizouse o axardinamento do entorno ademais do arranxo dos noiros e o acceso á praia. Á escalinata púxoselle unha baranda de madeira tratada, ademais de colocarlle algúns pasos que faltaban. Tamén se procedeu á reparación do mobiliario urbano. A actuación emprendida nesta praia ofrece unha alternativa de adecuación paisaxística e ambiental do seu entorno.

Nas demais praias do litoral realizarase unha limpeza sistemática da area, recolleranse entullos, ademais de realizar inspeccións submariñas e recollida de mostras de area para comprobar se hai restos de fuel. Unha das obras previstas é a da recuperación da parte superior da praia da Fonte, mediante o axardinamento da mesma.

Actualmente a Concellería de Montes, Parques e Xardíns segue a traballar nas obras das praias de Carril e Santa Baia, en Alcabre, e Fontoura en Bouzas.
Descargar todas as imaxes