Escoitar

O Concello pecha con Caixa Galicia unha operación de crédito para financiar os investimentos municipais

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, subscribiron a operación de crédito coa que o Concello vigués financiará os seus investimentos deste ano.

venres, 14 mar 2003
1047646790CGA1.jpg
Castrillo e Méndez
Caixa Galicia foi a entidade que fixo a oferta máis beneficiosa para a institución no concurso público que se convocou ao efecto.

Castrillo agradeceu a boa disposición de Caixa Galicia a colaborar no desenvolvemento de Vigo, tanto a través da súa obra social como mediante a oferta de vantaxosas condicións de financiamento ao Concello de Vigo. O Alcalde subliñou que o seu goberno foi o que manexou os presupostos máis altos da historia de Vigo e o que dedicou máis diñeiro a investimentos (67 millóns de euros). Segundo explicou, iso foi posible porque se administraron con eficacia os recursos, porque mellorou o sistema de recadación e porque se aplicaron medidas dirixidas a sanear as contas e frear o endebedamento do Concello.

Castrillo afirmou que neste mandato se desenvolveu unha política orientada a reducir os gastos financieiros do Concello sen recortar a súa capacidade de investimento. Neste sentido influiu favorablemente á evolución xeral dos tipos de interese, pero tamén a racionalidade coa que se levaron a cabo as sucesivas operacións de débeda subscritas nos últimos anos. Como resultado máis rechamante desa xestión o Alcalde mencionou que se conseguiu rebaixar o índice de endebedamento do Concello dende o 107%, en 1999, ata o 80,38% actual. Para iso aplicouse unha política de amortización de créditos por riba das cantidas de débeda subscrita e a negociación de condicións vantaxosas nas pólizas de préstamo.

A operación subscrita este ano con Caixa Galicia é un préstamo de 14.245.000 euros para financiar os investimentos. A operación péchase sen solo para aproveitar calquera descenso do euribor, cun diferencial do 0% e cun teito do 5,75%. O prazo de amortización é de 10 anos e comezará en xaneiro de 2004. A apertura da póliza non ten custo e tampouco a amortización anticipada do crédito. A consolidación do importe do préstamo non se producirá ata o 31 de decembro deste ano.

O director xeral de Caixa Galicia manifestou a vontade da súa entidade de seguir colaborando estreitamente co Concello de Vigo. Anunciou o próximo comezo das obras de construcción da residencia xeriátrica que a Fundación Caixa Galicia creará en Lavadores e tamén manifestou o interese da Caixa en participar nun proxecto de carácter estratéxico para Vigo como é a construcción do futuro Pazo de Congresos.