Escoitar

O Concello adica 3,3 millóns de euros á construción ou ampliación de 7 parques infantís

O goberno local ten en marcha a construción ou ampliación de sete novas áreas de recreo infantil ás que adicará 3,3 millóns de euros. Barreiro, Independencia, Bouzas, Pedro Alvarado, Navia, Praza Independencia e Venezuela son as zonas que van contar cun novo parque infantil antes de que remate o ano que vén. <br />

luns, 4 set 2017
O alcalde repasou o número de parques infantís que o Concello ten en marcha cun orzamento de 3,3 millóns que permitirán construír ou ampliar sete novas áreas ás que se poderá sumar algunha máis durante este mandato. Nestes momentos xa se están redactando os proxectos de Barreiro e Independencia, mentres que o de Venezuela está en fase de licitación.

Segundo detallou, os de Barreiro, Independencia e Bouzas ascenderán a 200.000 cada un, mentres que o de Pedro Alvarado ten un orzamento de 500.000 euros. O de Navia suporá un investimento de 1,1 millóns, o de Praza Independencia, 320.000 euros, e o de Venezuela, 770.000 euros. As obras desta última área recreativa arrancarán a finais de novembro e o resto realizaranse ao longo de 2018.

Tamén se referiu ás tres pistas de skate que o goberno local ten proxectadas na cidade. As obras de Navia, a punto de ser licitadas, ascenderán a 300.000 euros; as de Barreiro (xa adxudicadas), suporán un custo de 60.000 euros, mentres que a instalación prevista en O Castro está pendente de informe de Patrimonio da Xunta.